Solicita un arranxo provisional e urxente namentres non se dispón dos fondos da Deputación da Coruña
Laura Moure/ O Pino
A estrada local que une os concellos de Touro e O Pino á altura do Pedrouzo leva anos co firme totalmente deteriorado e cheo de fochancas. Situación que non é allea ao PSOE local, posto que este grupo, segundo afirma, leva desde o ano 2019 demandando ao Concello de O Pino o amaño desta estrada. “Falamos dunha vía de comunicación importante para ambos concellos, usada tanto por veciños e veciñas de Touro como polos do Pino, que se atopa nun estado lamentable, e que o alcalde coñecedor da problemática ignora por completo”, sinala.
Os socialistas critican o "desleixo que vén mostrando o mandatario local ano tras ano. O ano pasado, no 2020, prometeu o arranxo definitivo con cargo ao Plan Complementario da Deputación da Coruña. Plan que non chegou a materializarse debido á aparición do Covid-19 provocando que a Deputación tivera que realizar unha redistribución dos seus fondos, primando o financiamento do gasto social para todos os concellos da provincia. Este ano volve a incluír o amaño con cargo ao Complementario 2021, e pola contra utiliza o diñeiro do Plan de Obras e Servizos para financiar gasto corrente, e mentres tanto as consecuencias as sofren os usuarios da vía”, indican.
Afirman que o actual estado da estrada é "insostible e que o Concello de O Pino, como administración titular da vía, debe realizar unha actuación provisional e urxente namentres non cheguen os fondos provinciais para o arranxo definitivo". Petición que o PSOE local levará ao pleno do vindeiro mércores 31 de marzo e que espera que salga adiante grazas aos votos de todos os grupos que forman a corporación.

O PSOE demanda unha arranxo desta estrada.
Comments