O PSOE do Pino asegura que o alcalde da localidade "non quere a sede do GDR"
- ecosdacomarca

- 30 mar 2022
- 2 Min. de lectura
"O rexedor popular alega falta de espazos" segundo os socialistas que afirman que a decisión "obedece a un capricho persoal"
Ecos da Comarca/O Pino
O PSOE do Pino acusa ao alcalde, Manuel Taboada, de non querer a sede do GDR Ulla Tambre Mandeo. "A súa intención, que se traslade a outro concello, e que abandone as actuais instalacións situadas no antigo Centro Médico de Arca", asegura.

"Estas oficinas que levan máis dunha década asentadas no Pino están destinadas a prestar servizos e asesorar aos distintos axentes públicos e privados que así o solicitan. Un dos seus principais obxectivos é a captación de axudas financiadas con fondos europeos. Fondos destinados ao desenvolvemento rural en base ás liñas e estratexias do programa Leader. Unha xestión que, nos últimos dez anos, conseguiu prestar apoio económico a numerosas iniciativas públicas e privadas repartidas polos nove concellos que forman o GDR, incluído o Concello de O Pino", recalca o PSOE.
Por todos estes motivos critica ao actual rexedor do Pino e presidente do GDR. "Pretende agora trasladar estas oficinas, alegando que carece de espazos dispoñibles para estas oficinas, e así o confirmou nunha das últimas sesión plenarias. Afirmación que o PSdeG local cualifica como falsa, indican que sobran espazos municipais para manter a sede do GDR no termo municipal, “a intención do alcalde obedece unicamente a un capricho persoal que debe explicar”, afirman os socialistas.
Informan que hai espazos municipais sen ningún uso no Pedrouzo-Arca para manter a sede do GDR. "Entre outros moitos temos: o antigo PAI, a antiga Cámara Agraria, ou incluso a planta superior da Casa do Concello, toda unha planta que leva anos pechada a cal e canto”, segundo explican.
O Grupo Municipal Socialista non acepta como válidas as escusas do alcalde e no Pleno deste mércores, 30 de marzo, a concelleira do grupo socialista Inka Lareo defenderá unha moción solicitando que a sede do Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo se manteña no Concello do Pino. Así mesmo, tamén informan "que Taboada é o único membro/asociado do GDR que quere mudar a sede do Grupo de Desenvolvemento".







Comentarios