O PSOE do Pino acusa ao Concello "de bloquear ao seu voceiro e á formación no Facebook do municipio"
Anuncia que de continuar este situación solicitarán un Pleno extraordinario e acudirán á xustiza
Ecos da Comarca/O Pino
O PSOE do Pino vén de presentar un escrito no rexistro do concello solicitando por escrito ao alcalde e a Secretaría "a argumentación xurídica que xustifica os bloqueos efectuados ao voceiro socialista, Óscar Vilar, e ao Grupo Municipal Socialista á páxina de Facebook oficial do Concello do Pino", tal e como afirma esta formación.

Denuncian que esta última acción "pon de manifesto a censura que practica o alcalde
con todo aquel veciño ou veciña que discrepa coa súa xestión". Ademais, subliña que “unha rede social institucional non pode estar a servizo de ningún partido político, nin pode
impedir o acceso a ningún veciño ou veciña, teña este a ideoloxía que teña e por
moito que se discrepe coa xestión municipal”, recalca o voceiro do PSOE local, Óscar Vilar.
Así mesmo indican que “a páxina de Facebook do Concello do Pino non é propiedade do Partido Popular do Pino, a xestión e a administración da mesma está externalizada na empresa Alicentis, S.L., cun custo totalmente desorbitado que ascende a máis 1.500 euros mensuais, diñeiro que pagamos todos os veciños/as cos nosos impostos, e todo parece indicar que un dos seus cometidos é bloquear aos usuarios críticos coa xestión municipal”, critican desde o PSdeG local.
O PSdeG advirte no seu escrito que "de continuar o bloqueo e censura acudirán á xustiza por estar a limitar claramente o dereito á información de carácter local, e que solicitarán un pleno extraordinario para debater sobre o asunto que cualifican como “grave e típico dun réxime autoritario”".








Comentarios