top of page

O PSOE de Rodeiro acusa ao PP de ser "o único responsable de non poder investir os 800.000 euros"

José Luis Camiñas, candidato socialista á alcaldía, sinala que "estamos ante unha pésima xestión, que inclúe un descontrol dos prazos administrativos legais e necesarios para aprobar unha modificación do orzamento"


Ecos da Comarca/Rodeiro

O PSOE de Rodeiro dá a coñecer que, "tras varios anos co Concello paralizado pola nefasta xestión do PP, comeza o 2023 cunha nova mostra de desleixo e incapacidade para administrar os cartos públicos, é dicir, os de todos os veciños. O que acaba de acontecer non é máis que un suma e segue á perda de subvencións e recursos única e exclusivamente por falta de capacidade e traballo ou, o que é peor, ignorancia absoluta de como funciona unha administración local".


O candidato socialista á alcaldía de Rodeiro e coordinador comarcal do partido, José Luis

Camiñas, explica que o día 31 de outubro levouse a pleno en Rodeiro unha modificación de crédito para poder empregar parte do remanente de tesourería, un total de 800.000 euros, en arranxar pistas en Vilela, O Az, Guillar, Asperelo, San Salvador, Adelán, Os Vilares, Lamas, Castugares e Carboentes. O PSOE apoiou nese pleno esa modificación ao considerar que o arranxo desas pistas é necesario. "É dicir, o PP tivo o apoio deste partido para aprobar ese punto, como efectivamente sucedeu", recalca.

José Luis Camiñas.

Para sorpresa dos socialistas, sinala, a partires dese pleno, "cando o máis importante estaba feito e só había que rematar uns trámites administrativos dentro dos prazos legais previstos (antes do 31 de decembro) para que entrase en vigor, o PP non foi quen de facer esa nimiedade. Para empezar, tardou nada menos que ata o día 24 de novembro en publicar este trámite no Boletín Oficial da

Provincia (BOP), algo que deberían saber que se pode facer practicamente dun día para outro".


Prazo de alegacións

A partires do 25 de novembro abriuse un prazo de alegacións de 15 días hábiles. "Podían

presentarse reclamacións en calquera deses días e presentouse unha no último, o día 19 de decembro, dentro da legalidade vixente. O PP, que se coñecera os procedementos administrativos debería contar con que iso pode pasar e de feito ocorre de xeito habitual en calquera Administración e proceso, tiña obriga de reaccionar canto antes xa que,

como o mesmo goberno local chegoulle esa alegación o día 22 de decembro. Ese mesmo día podía ter convocado un pleno extraordinario de forma urxente, ter rexeitado ou aceptado esa alegación e enviar a aprobación definitiva para a súa publicación no BOP tamén de xeito urxente, cousa que se pode facer. Co cal lle quedarían seis días hábiles por diante para cumprir o trámite, un tempo máis ca suficiente. Esta publicación definitiva non se fixo en tempo e forma por parte do PP e, polo tanto, a modificación de crédito quedou anulada, sen poder investirse de xeito inmediato eses 800.000 euros por culpa única e exclusiva da deixadez do goberno local cos prazos legais que teñen a obriga e o deber de coñecer e cumprir", incide o PSOE.


«Está claro que esta alegación que o PP pensou que esta alegación sería unha cartiña calquera e nin se molestou en reaccionar», sinala José Luis Camiñas. E engade que "o PP, acostumado a gobernar a golpe de improvisación, insulto e propaganda no Facebook, non reaccionou. Acabouse o ano e a consecuencia da falta de traballo do goberno local xa caeu enriba dos veciños: de momento, non se poden investir eses 800.000 euros, e haberá que ver canto se tarda en poder empregar eses cartos do remanente de tesourería, que eran moi necesarios para arranxar pistas e mellorar o acceso a distintos núcleos. Pero aos populares non lles chega con gobernar tarde, mal e nunca. Teñen aínda a desfachatez de intentar culpar a outros, ben sexa a falta de un secretario ou mesmamente á oposición, da súa incapacidade de xestión. «O PP ten que saber que os veciños lles votaron para traballar e xestionar, non para facer política nas redes sociais, porque iso non vai facer que se poidan arranxar pistas nin atender outras necesidades», di Camiñas.


E sinala que "estamos nun concello gandeiro, no que se todos estamos acostumados a ñ pedir axudas dos sucesivos plans de mellora. Que pasaría se un gandeiro perdera unha axuda por non cumplimentar un trámite? Sería a súa ruína. Pois o PP de Rodeiro fai ese tipo de cousas cos cartos de todos. O peor de todo é que non parece que o goberno local non quixera investir eses cartos xa en pistas, de feito semella que esta situación xerou un nerviosismo sen precedentes no goberno local. Por que? Eses 800.000 euros, aínda que agora non se poidan investir, van seguir nas contas do Concello e poderán destinarse ao mesmo fin, aínda que máis tarde, cando se fagan ben os trámites. O problema é que parece que o alcalde e os concelleiros do PP non van ter ao seu dispor eses 800.000 cos que maquillar en época preelectoral a deixadez cos viais do concello en todo o mandato. Quedou claro que, aínda querendo facer investimentos, non poden porque non teñen nin idea de como xestionar os cartos de todos. Nós preguntámonos se en vez de tratarse do remanente de tesourería se tratase dunha subvención pública e non se xustificase... Perderíanse eses 800.000 euros e, tendo en conta os habitantes de Rodeiro, tocaríamos a unha perda de 338 euros por veciño".


José Luis Camiñas reflexiona sobre o ocorrido e manda "unha mensaxe de tranquilidade" aos veciños: "Estamos ante unha pésima xestión do Goberno local, que inclúe un descontrol total dos prazos administrativos legais e necesarios para aprobar unha modificación do orzamento. Pero, a partires de maio, co cambio político que estou seguro de que haberá en Rodeiro, investiremos eses 800.000 euros que agora parecen perdidos no mesmo proxecto, tal e como xa apoiamos no pleno do 31 de outubro do 2022".


NOTICIAS RELACIONADAS:

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page