O PSOE de Lalín levará a cabo un plan de saúde mental que contará cun estudo e unha mesa local
- ecosdacomarca
- 18 abr 2023
- 2 Min. de lectura
“Esixiremos á Xunta de Galicia que aumente os servizos de psicoloxía e psiquiatría para o CIS, xa que non pode haber listas de agarda tan longas”, indica Alba Forno
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín levará a cabo no vindeiro mandato medidas para a concienciación e o coidado da saúde mental. As medidas foron prensetadas pola
candidata á Alcaldía, Alba Forno, polo Secretario de Sanidade, José Manuel Mato, e polo
socialista e médico, Manuel González Aller.

Os problemas de saúde mental son cada vez máis frecuentes e están espertando un interese maior no marco institucional. O grao de implicación neste eido é cada vez maior,
particularmente dende a crise sanitaria e económica que vivimos nos últimos tempos. “Por
iso, dende o PSOE consideramos que na política local a prevención e o coidado da saúde
mental deben ocupar un maior protagonismo”, expón Forno.
Propostas
O grupo socialista, se entra á Alcaldía o 28 de maio, poñerase a traballar para deseñar
unha mesa local para a saúde mental. “O obxectivo é contar con profesionais para,
posteriormente, elaborar un Estudo da situación municipal neste ámbito. Coñecer as
necesidades que ten a nosa veciñanza é fundamental para poder, seguidamente, deseñar
un Plan de Saúde Mental que abranguerá diferentes proxectos para traballar neste eido”,
explicou a candidata. Entre eses proxectos, haberá un plan para a mocidade que se
elaborará en conxunto cos centros educativos, para traballar o coidado da saúde mental
dende unha idade temperá. Ademais, entre as propostas tamén está á Consellería de
Sanidade da Xunta de Galicia que aumente e mellore os servizos do actual centro de
saúde e tamén para o CIS da atención psicolóxica e psiquiátrica. “Pedimos máis
profesionais e máis horas para este servizo que é tan necesario. Unha persoa con
problemas mentais non pode agardar por unha cita máis de 10 días e a realidade é que
agarda máis de 3 meses, en moitas ocasións. Calquera problema de saúde é importante,
pero a saúde mental non se pode deixar de lado”, sentencia.
Galicia é a comunidade autónoma con maior índice de suicidios
O obxectivo é traballar neste eido para atender as demandas da cidadanía e tamén para
dar respostas a organismos como a Organización Mundial da Saúde, que levan anos
alertando sobre as graves implicacións que ten desatender este aspecto da saúde. “Por
achegar uns datos, Galicia é a comunidade autónoma con maior índice de suicidios, cunha taxa superior ao 36 % á media estatal. Tamén é a comundiade con maior consumo de antidepresivos e estimulantes (un 70 % superior á media)”, indicou a candidata á Alcaldía.
Con estes datos, dende o grupo socialista de Lalín consideran que traballar dende o ámbito da administración local é fundamental, posto que nela recane moitas responsabilidades. Por exemplo, o persoal de servizos sociais traballa coas consecuencias das discapacidades, adiccións ou situacións de exclusión social derivadas, entre outros motivos, pola falta de recursos económicos (unha das principais causas dos problemas mentais). “Cremos que a adminsitración local é unha porta próxima á veciñanza para tratar de reducir e paliar as graves consecuencias das enfermidades mentais”, concluiu Forno.
Comments