O PSdeG-PSOE de Lalín reclama o acondicionamento urxente da Rolda Leste ante o seu grave deterioro
- ecosdacomarca

- hace 6 días
- 2 Min. de lectura
A voceira socialista, Alba Forno, lembra que o goberno local anunciou hai un ano un estudo previo para a súa remodelación do que non se volveron coñecer avances
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín denuncia a situación de grave deterioro da Rolda Leste, unha das principais vías de circulación e acceso ao núcleo urbano e reclama ao goberno municipal actuacións urxentes e inmediatas para garantir a seguridade viaria e unhas condicións dignas de mobilidade.

A voceira socialista, Alba Forno, visitou onte a zona e lembrou que hai xa case un ano o goberno local anunciou a realización dun estudo previo para a remodelación desta vía, do que non se soubo nada máis desde entón. “Preguntámonos en que punto se atopa ese estudo, cando se van iniciar as obras e cal é realmente o plan do Concello para arranxar unha estrada que cada día está en peor estado”, cuestionou.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Forno advertiu de que o deterioro do firme é xeneralizado ao longo de todo o trazado, con especial gravidade en puntos críticos como as saídas da rotonda da rúa Monte Faro cara á
área comercial do Carrefour e á zona de Manuel Rivero, onde “as fochancas son cada vez
máis grandes e perigosas”.
Segundo explicou a concelleira socialista, o mal estado da calzada xa está a provocar
danos frecuentes nos vehículos, con casos de rodas rebentadas e avarías que poderían
evitarse cun mantemento axeitado. “Cada semana hai condutores afectados polos buracos
da Rolda Leste, e isto supón un custo económico innecesario para as veciñas e veciños”,
sinalou.
Publicidade
Desde o PSdeG-PSOE tamén alertan do incremento do risco de accidentes, especialmente
en días de choiva, cando as fochancas se enchen de auga e dificultan a visibilidade do
firme. “En condicións meteorolóxicas adversas, o perigo multiplícase, sobre todo nunha vía con tráfico intenso”, engadiu Forno.
Publicidade
A portavoz socialista concluíu denunciando a falta de acción do goberno local, que mantén paralizado un proxecto do que non se coñecen avances mentres “as persoas usuarias da Rolda Leste seguen circulando a diario cunha sensación constante de inseguridade”. Por iso, reclamou que se deixen de anuncios baleiros e se adopten medidas inmediatas para recuperar unha infraestrutura clave para Lalín.








Comentarios