O PSdeG do Pino demanda a posta en marcha do servizo de atención temperá
"Foi prometido no ano 2020 e que nunca chegou a poñerse en marcha", denuncia
Ecos da Comarca/O Pino
O Grupo Municipal Socialista do Pino demandará no próximo Pleno ao Concello e a Xunta de Galicia a posta en marcha do servizo de atención temperá prometido no ano 2020.
Indica que este servizo destinado a atender aos nenos e nenas de 0 a 6 anos en situación de dependencia, con trastornos no seu desenvolvemento ou en situación de risco de padecelos, fora anunciado e prometido no ano 2020 polo alcalde. “Convocou un Pleno extraordinario, aprobamos unha modificación de crédito, e nada máis volvemos a saber do asunto”, critican.

O PSdeG informa que este servizo, que debería estar funcionando desde fai dous anos, tiña que estar atendendo de forma conxunta aos concellos de Boqueixón, Touro e Vedra. “Contou cunha subvención de 57.814 euros, subvención cofinanciada con diñeiro do Fondo Social Europeo, e dous anos máis tarde descoñecemos se esta subvención foi xustificada, se existiu renuncia, e se este é o caso cales foron os motivos de dita renuncia”, indican.
Así mesmo, sinalan que "se este servizo, necesario xa no ano 2020, non pode esperar máis dado que a poboación diana aumentou. Apuntando que segundo os datos dos expertos a poboación susceptible de necesitar atención temperá ronda o 10% dos nenos e nenas con idades comprendidas entre 0 e 6 anos".
A proposta someterase a debate e votación no pleno a celebrar este mércores 28 de setembro.








Comentarios