top of page

O programa Cultiva 2026 levarase a cabo en Cruces nunha explotación de Porco Celta e Rubia Galega

21 ago
3 min de lectura

O programa cobre os gastos de aloxamento, manutención e transporte e contempla unha compensación polos gastos de substitución na explotación


Laura Moure/Vila de Cruces

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, anima á mocidade interesada a solicitar a súa participación no programa Cultiva 2026, impulsado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para facilitar estancias formativas en explotacións agrícolas e gandeiras de referencia. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 15 de setembro. Losada destacou que a provincia de Pontevedra oferta 11 estancias formativas en cinco explotacións modelo de acollida, situadas nos concellos de O Rosal, Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, Redondela e Tomiño.

Estas propostas forman parte das 58 estancias dispoñibles en Galicia e das 300 ofertadas no conxunto de España. “O programa ofrece aos profesionais máis novos do noso sector primario a oportunidade de aprender directamente doutras explotacións que son referentes pola súa innovación, sustentabilidade ou modelo de negocio e de trasladar posteriormente ese coñecemento aos seus propios proxectos”, sinalou o subdelegado, quen animou á mocidade interesada “a aproveitar unha iniciativa que favorece a formación, o intercambio de experiencias e o relevo xeracional no rural”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Cinco explotacións pontevedresas

A oferta provincial abrangue unha ampla variedade de actividades e modelos produtivos. No Rosal, a estancia desenvolverase nunha explotación de agricultura ecolóxica dedicada á produción de froitas, hortalizas, leguminosas e oleaxinosas, que figura ademais entre as mellor valoradas polos participantes no programa en 2024.

Cova da Abella, en Cerdedo-Cotobade, acollerá seis estancias entre febreiro e maio. Trátase dun proxecto apícola e micolóxico que conta con arredor de 200 colmeas e que combina a produción de mel coa de cogomelo shiitake ecolóxico sobre troncos de carballo.

En Vila de Cruces, a formación terá lugar nunha explotación dedicada á cría e engorde de Porco Celta e bovino de carne de raza Rubia Galega, que aposta pola conservación das razas autóctonas, a venda directa e a comercialización con marca propia.

A oferta complétase cunha explotación hortícola en Redondela e cunha explotación viveirística en Tomiño, esta última cunha clara aposta pola dixitalización, a automatización dos procesos e o uso eficiente dos recursos. A explotación de Tomiño acollerá dúas das estancias ofertadas na provincia.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Solicitudes ata o 15 de setembro

O programa Cultiva está dirixido a profesionais agrarios titulares de explotación de ata 40 anos, así como a persoas de 41 ou máis anos que se instalasen no sector nos últimos cinco anos. As persoas participantes poden escoller explotacións con producións iguais ou diferentes ás súas e situadas en calquera punto do territorio nacional.


O Ministerio cobre os gastos de aloxamento, manutención e transporte durante a estancia e contempla tamén unha compensación polos gastos de substitución para que unha terceira persoa poida atender e xestionar a explotación de orixe durante ese período. O programa conta este ano cunha dotación inicial de 1,2 millóns de euros, ampliables.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Na adxudicación das prazas teñen prioridade as mulleres, as persoas incorporadas máis recentemente á actividade agraria e aquelas que non participasen en edicións anteriores.

Desde a posta en marcha do proxecto piloto en 2020, máis de 900 persoas participaron no programa Cultiva. As estancias desta convocatoria comezarán a desenvolverse a partir de xaneiro de 2027 e as solicitudes poden presentarse, ata o 15 de setembro, a través da sede electrónica do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page