O PP de Vila de Cruces lamenta o falecemento do octoxenario de Fontao e reclama unha reflexión
- ecosdacomarca

- hace 1 hora
- 3 min de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces quere expresar o seu máis profundo pesar polo falecemento do octoxenario veciño da parroquia de Fontao, localizado sen vida na súa vivenda, "trasladando as nosas máis sinceras condolencias á súa familia, amizades e persoas achegadas". Recalca que este é un momento para o respecto, pero tamén para a reflexión.

E apunta que "no Pleno municipal celebrado o pasado venres, o Grupo Municipal do Partido Popular puxo en coñecemento do goberno local a situación de extrema vulnerabilidade na que se atopaba esta persoa. Advertimos expresamente que deixara de seguir o tratamento médico que precisaba e manifestamos con claridade que, de non adoptarse con carácter inmediato medidas de emerxencia social e un seguimento continuado, a súa vida podía correr un grave perigo".
PUBLICIDADE
A nosa petición, apunta, "foi clara e directa: que o Concello activase de maneira urxente
todos os recursos sociais ao seu alcance para atender un caso que, ao noso
xuízo, requiría unha intervención inmediata. Somos plenamente conscientes de que existen situacións nas que unha persoa pode rexeitar a axuda que se lle ofrece. Porén, precisamente neses casos é cando a Administración ten unha maior responsabilidade. A negativa do usuario non pode supoñer o fin da actuación administrativa, senón todo o contrario: debe motivar a adopción doutras medidas, intensificando o seguimento,
reforzando a coordinación cos servizos sanitarios e mobilizando todos os recursos e mecanismos que a normativa permite para protexer ás persoas que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade".
Levamos meses, sinala o PP, "advertindo de que o departamento de Servizos Sociais do Concello de Vila de Cruces non está a funcionar coa eficacia e a capacidade de resposta que a situación do municipio require. E queremos deixar moi claro que esta crítica non vai dirixida aos profesionais que desempeñan o seu traballo, senón á xestión política do servizo. Son os responsables do goberno municipal quen teñen a obriga de dotar os Servizos Sociais dos medios necesarios, establecer protocolos eficaces, coordinar os recursos dispoñibles e garantir que ningún caso de especial gravidade quede sen a resposta que merece".
PUBLICIDADE
Pero insisten en que "hoxe non é día para buscar confrontación política nin para emitir xuízos de valor precipitados sobre o sucedido. Pero tampouco sería responsable mirar
cara a outro lado. Cando un grupo da oposición alerta publicamente nun Pleno dunha situación de risco tan evidente e solicita medidas de emerxencia social, entendemos que esa advertencia debe ser atendida coa máxima prioridade.
PUBLICIDADE
O Partido Popular de Vila de Cruces considera imprescindible que o goberno municipal revise de maneira inmediata os protocolos de actuación dos Servizos Sociais e impulse a creación dunha Comisión Especial de Investigación, co obxectivo de esclarecer todas as
actuacións realizadas neste caso, determinar se se activaron en tempo e forma todos os mecanismos de protección social ao alcance da Administración e, se é preciso, depurar as responsabilidades que poidan derivarse.
PUBLICIDADE
"Do mesmo xeito, consideramos necesario adoptar as medidas correctoras oportunas para reforzar os protocolos de intervención e garantir que unha situación semellante non volva repetirse no noso municipio porque detrás de cada expediente hai unha persoa".










Comentarios