top of page

O PP de Melide pide unha solución habitacional para os afectados pola sentenza de derribo das casas

Trátase das vivendas sitas na rúa María Casares e no Camiño Vello de Santiago


Ecos da Comarca/Melide

O PP de Melide vén de coñecer da resolución da Alcaldía do pasado 20 de decembro no que ordena o corte de subministro tanto de auga como de luz para as vivendas afectadas por unha sentenza xudicial do ano 2014. Dende a formación popular piden, "ao amparo da Lei, que se busque, de oficio, unha solución habitacional para todos aqueles que queden prexudicados polo auto e polo acto de derrubamento que está executando o Concello de Melide toda vez que unha das persoas afectadas está a piques de xubilarse e non ten en propiedade ningún outro inmoble".

Unha das manifestacións feitas en Melide para evitar o derribo. Autor: Ecos da Comarca.

“É máis", sinala a portavoz popular, Dalia García, "hai un informe dos propios servizos sociais do Concello de Melide que indica que unha das persoas afectadas quedará en risco previsible de exclusión social de finalizar o procedemento que culminará co derrubamento da súa vivenda” por iso, prosigue, “é de extraordinaria urxencia buscar unha solución e esa solución ten que vir dada polo actual goberno municipal,” sentencia a portavoz popular.


"Vivendas okupadas sen que o Concello actúe"

Os populares comparan a celeridade coa que o executivo bipartito encabezado polo alcalde independente X.M Pérez "ten por executar esta sentenza coa lentitude da Administración Local ao desoír a outros propietarios que contan con inmobles ocupados que xa teñen tamén orde de desfiuzamento e que o Concello non se dignou a cortar ningún suministro municipal (auga nin luz)", aseguran.

"Procedemento de contratación de dubidosa legalidade"

A portavoz dos populares melidenses tamén fai fincapé no procedemento de contratación para o derrubamento das vivendas: “Un segundo contrato menor adxudicado ao contratista que resultou a súa vez adxudicatario da obra que se está facendo na Rúa de San Pedro; das tres empresas que se convidaron unha era unha empresa cuxo obxecto era a xardiñaría sendo este feito claramente unha tapadeira para maquillar esta operación; por non mencionar a non abstención dun membro da Xunta de Goberno Local do procedemento que ten claro interese no asunto,” avanzan os populares, da que informarán nos próximos días.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page