O PP de Melide denuncia a deixadez do goberno "ante a falta de mantemento, limpeza e desbroces"
Ecos da Comarca/Melide
O Grupo Municipal do Partido Popular de Melide quere trasladar "a súa profunda preocupación pola situación que se vive no noso municipio debido á absoluta falta de mantemento por parte do Concello".

Considera que "son moitas as zonas, tanto do rural como do propio casco urbano, que
presentan un estado de abandono evidente pola ausencia de desbroces e limpezas axeitadas. A maleza medra sen control en diferentes puntos: desde o propio casco urbano, ata as pistas de concentración parcelaria de Maceda e Orois, ou zonas da parroquia de Folladela, sen esquecer moitas outras que se atopan no mesmo estado. Os veciños, que acoden unha e outra vez ao Concello para demandar solucións, ven como se lles dá largas, mesmo tratándoos como “bonecos” que deben repetir as súas peticións sen que nunca reciban unha resposta real".
APOIO AO XORNALISMO PALESTINO
Para o PP de Melide, esta situación "só se pode cualificar de vagancia, deixadez, incompetencia e irresponsabilidade por parte do tripartito que goberna o noso Concello, incapaz de atender as necesidades máis básicas da veciñanza".
A esta situación, apuntan os populares, "súmase un feito especialmente grave a poucos días do inicio do curso escolar: numerosas marquesiñas de autobús presentan unha falta
total de limpeza e mantemento, o mesmo que moitas zonas próximas aos centros escolares. Ademais, moitas beirarrúas contan con baldosas rotas e soltas, o que supón un perigo evidente para a seguridade dos peóns, especialmente dos nenos e nenas que a diario transitarán cara aos colexios. Cómpre lembrar ademais que, nun contexto no que a maleza se acumula sen control, tamén se incrementan outros riscos evitables, como os asociados aos lumes, o que evidencia aínda máis a irresponsabilidade do goberno local".
Publicidade
Desde o PP de Melide esixen ao goberno municipal "que deixe de vivir de espaldas aos problemas da veciñanza e que actúe de maneira inmediata, acometendo os traballos de mantemento e limpeza necesarios para garantir un entorno seguro, limpo e digno para todos os melidenses".









Comentarios