O PP de Arzúa esixe ao goberno local solicitar un novo obradoiro dual de emprego
- ecosdacomarca

- hace 13 horas
- 2 min de lectura
Considera “moi grave” que o Concello deixase pasar unha oportunidade de formación e creación de emprego para veciños e empresas na convocatoria de finais de 2025
Ecos da Comarca/Arzúa
O Partido Popular de Arzúa denuncia "a falta de apoio do goberno tripartito local ao emprego e á promoción económica do municipio despois de coñecerse que o Concello desistiu de solicitara convocatoria dos obradoiros duais de emprego da Xunta de Galicia correspondente ao procedemento TR353A".
Os populares lembran que esta liña de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e
Emigración foi convocada no Diario Oficial de Galicia o 25 de novembro de 2025, e que permitía aos concellos impulsar programas de formación e emprego con contratación de
persoas desempregadas. Desde o PP consideran "especialmente preocupante que, mentres numerosos concellos da contorna, coma O Pino-Boimorto-Touro, ou Ordes-Frades-Mesía, xa iniciarán novos obradoiros na vindeira semana, Arzúa quedase completamente fóra por decisión do propio goberno local".

O portavoz popular, Rafael Rivadulla, asegura que “é moi grave que un Concello que necesita fixar poboación, crear oportunidades e apoiar ás empresas locais deixe pasar unha ferramenta tan importante para o emprego”.
Rivadulla lembra ademais que o último obradoiro solicitado por Arzúa foi no ano 2022, xunto cos concellos de Melide, Toques e Santiso, baixo o nome “Natureza no Camiño de Santiago”, "sen que desde entón o actual goberno local mostrase interese real por continuar fortalecendo este tipo de iniciativas".
“O problema é que este goberno vive instalado nas prioridades equivocadas. Mentres outros concellos traballan para captar recursos e crear oportunidades, en Arzúa seguimos vendo abandono do Concello e falta de xestión”, afirma.
PUBLICIDADE
O PP considera que esta situación evidencia a desconexión do tripartito coas necesidades reais do municipio, especialmente nun momento no que moitos veciños demandan oportunidades laborais e apoio á actividade económica local. “Os veciños pagan as consecuencias dun goberno máis preocupado polas cuestións ideolóxicas e polas súas cuestións internas que por atender os problemas diarios da xente”, sinala Rafael Rivadulla.
Os populares lembran ademais que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración abriu agora unha nova convocatoria destas axudas, cun prazo de solicitude que permanecerá aberto ata o 26 de xuño, polo que instan ao Concello de Arzúa a actuar con responsabilidade e non deixar escapar unha segunda oportunidade. “Nós queremos saber se o alcalde Xoán Xesús Carril e a concelleira Begoña Balado van asumir dunha vez a súa responsabilidade e solicitar esta convocatoria ou se Arzúa vai seguir quedando atrás por culpa da súa falta de xestión”, concluíu o portavoz popular.
PUBLICIDADE
Desde o Partido Popular de Arzúa esixen explicacións públicas sobre os motivos polos que non se presentou solicitude na convocatoria anterior e advirten de que o emprego, a formación e o apoio ás empresas deberían ser unha prioridade absoluta para calquera goberno municipal responsable.








Comentarios