O PP de Arzúa denuncia "a vulneración do seu dereito á intervención no pleno por parte do alcalde"
- ecosdacomarca

- 3 ago 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Arzúa
O Partido Popular de Arzúa denuncia "a actitude antidemocrática e autoritaria do alcalde, Xoán Xesús Carril, durante o pleno ordinario celebrado este xoves, no que se lle impediu ao voceiro popular, Rafael Rivadulla, exercer o seu dereito a intervir na defensa da urxencia dunha moción presentada polo grupo".

Explica que moción tiña como finalidade "abordar e condenar as pintadas ilegais realizadas fai uns días polo concelleiro do BNG, Daniel Moscoso, que curiosamente onte (polo xoves) non asistiu ó pleno", feitos que o PP considera "dunha extrema gravidade e incompatibles coa responsabilidade institucional que require o cargo de concelleiro".
Sinala que "o alcalde interrompeu a intervención do voceiro popular de maneira unilateral, sen amparo legal, e incumprindo o establecido no artigo 67.2 do Regulamento de Organización Municipal, que recoñece expresamente o dereito do grupo propoñente a xustificar a urxencia dunha moción durante un máximo de tres minutos".
Publicidade
“O alcalde non pode actuar como se o pleno fose da súa propiedade. Os dereitos da oposición están recollidos por lei e non dependen do seu criterio persoal”, sinalou Rafael Rivadulla tras o pleno. O PP considera "especialmente grave que se pretenda silenciar unha moción relacionada cun comportamento reprobable dun membro do goberno local".
Publicidade
Desde o Partido Popular de Arzúa adverten "que non imos permitir actitudes caciquís nin o
intento de limitar a liberdade de expresión e participación política no Concello. Xa no pleno de onte (polo xoves), nun punto previo, o alcalde autorizou unha segunda quenda de intervención salvo ó voceiro popular, pasando á votación directamente. Esiximos respecto polas normas, polas institucións e polos dereitos de todos os representantes públicos, sexan do signo político que sexan", conclúe o PP de Arzúa.








Comentarios