O PP de Arzúa critica a tardanza na presentación do cartel da 51ª Festa do Queixo
- ecosdacomarca

- 29 ene
- 2 Min. de lectura
A organización do evento informou aos medios este martes de que esta terá lugar mañá, venres
Ecos da Comarca/Arzñua
O Partido Popular de Arzúa critica "a falta de xestión e planificación do goberno tripartito na organización da 51ª edición da Festa do Queixo, que se celebrará os días 27 e 28 de febreiro e 1 de marzo de 2026, cando falta xusto un mes para a súa celebración e o Concello segue sen presentar o cartel oficial nin a programación completa do evento".

Desde o PP consideran “incomprensible que, a estas alturas, non se coñeza practicamente
nada dunha das festas máis importantes de Galicia, máis alá de que o grupo Dorian actuará na Festa do Queixo, algo que non foi anunciado oficialmente polo Concello, senón que transcendeu pola licitación pública publicada o pasado 16 de xaneiro".
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

“O que estamos vendo é unha nova mostra de abandono do Concello e de falta de xestión dun goberno máis preocupado polos seus debates internos ca por traballar con seriedade”, afirmou o portavoz popular, Rafael Rivadulla, quen advertiu de que “a promoción dunha festa destas características non se pode improvisar nin deixar para última hora”.
Rivadulla lembrou ademais que “resulta chamativo que o BNG, cando estaba na oposición,
criticase duramente estas mesmas tardanzas, e agora incorra nas mesmas tardanzas que antes denunciaba”, incidindo en que “as prioridades equivocadas do actual goberno están a provocar que Arzúa perda oportunidades de atraer público e dinamizar a economía local”.
Publicidade
O PP subliña que esta falta de información e previsión “xera unha enorme incerteza nos hoteis, casas de turismo rural e negocios de hostalaría, que necesitan coñecer con antelación a programación para poder organizar reservas e contratacións”. “Os veciños e os empresarios pagan as consecuencias dunha xestión errática e sen rumbo”, engadiu Rivadulla.
Os populares tamén lembran que o ano pasado a organización da Festa do Queixo "foi retirada sen explicacións ao anterior alcalde, que tiña a competencia en Cultura, “sen aviso previo e sen diálogo, nunha decisión que xerou malestar incluso dentro do propio goberno local”.
Publicidade
Finalmente, o PP de Arzúa expresa a súa preocupación pola posibilidade de que “a deriva
ideolóxica do BNG e a súa política do non a todo volvan ter protagonismo na Festa do Queixo como xa aconteceu de forma lamentable durante os concertos e o pregón de 2025". “A Festa do Queixo debe unir, promocionar Arzúa e apoiar ao sector, non converterse nun escaparate ideolóxico nin nun espazo alleo aos intereses dos veciños”, concluíu Rafael Rivadulla.
Cabe mencionar que a organización da Festa do Queixo informou aos medios de comunicación este pasado martes que a presentación terá lugar mañá, venres 30 de xaneiro.








Comentarios