O PP de Arzúa critica "a tardanza de máis de dous anos na execución do POS da Deputación"
- ecosdacomarca

- hace 2 días
- 2 Min. de lectura
Rivadulla esixe celeridade e acusa ao executivo local de manter o Concello “bloqueado e inoperativo”
Ecos da Comarca/Arzúa
O Partido Popular de Arzúa critica con dureza "o atraso do inicio das licitacións,
publicadas este martes, do goberno local para a execución das obras do POS (Plan de Obras e Servizos) da Deputación da Coruña por un importe de máis de 520.000 euros, ao considerar “inaceptable” a tardanza acumulada na súa posta en marcha".

Os populares lembran que a maioría destas actuacións foron aprobadas no pleno ordinario do 31 de xaneiro de 2024, nun contexto no que xa existía unha situación “case insostible” en moitas pistas e infraestruturas municipais. “É unha mágoa que unhas obras necesarias e urxentes leven máis de dous anos de atraso, mentres os veciños teñen que seguir sufrindo as consecuencias do abandono do Concello”, sinala o portavoz popular, Rafael Rivadulla.
PUBLICIDADE
Desde o PP denuncian que, durante todo este tempo de espera, "o goberno tripartito non foi quen de adoptar nin sequera medidas provisionais". “Pedimos en repetidas ocasións que se fixeran reparacións puntuais e parcheos nos puntos máis deteriorados, sabendo que os prazos ían ser longos, pero non houbo resposta. Esa falta de xestión tradúcese en máis problemas e máis custos para os veciños”, engade Rivadulla.
Para os populares, esta situación evidencia "unha clara incapacidade do executivo local para planificar e executar investimentos básicos". “Estamos ante un goberno con prioridades equivocadas, máis pendente doutros debates que de resolver os problemas reais do día a día”, afirma.
PUBLICIDADE
O portavoz popular tamén adverti de que o ritmo actual de execución non permite ser optimistas de cara ao futuro. “Moito nos tememos que, aínda que intenten acelerar obras de cara ás eleccións de 2027, o nivel de incompetencia é tal que deixarán moitas actuacións sen facer”, indica.
Rivadulla conclúe esixindo un cambio inmediato na xestión municipal: “É hora de que o
goberno tripartito colla o touro polos cornos e se poña a desatrancar un Concello totalmente inoperativo e bloqueado. Arzúa non pode seguir esperando”.








Comentarios