O PP de Agolada honrará aos seus exconcelleiros da democracia nun acto o vindeiro sábado, 14 de xuño
- ecosdacomarca
- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
Serán recoñecidos todos os edís populares das épocas de Manuel Costa e Ramiro Varela
Ecos da Comarca/Agolada
O vindeiro sábado 14 de xuño ás 12 horas, o Auditorio Municipal Manuel Costa Casares de Agolada será o escenario no cal se fará unha vista atrás e se recordará aos exconcelleiros populares que estiveron nos gobernos agoladenses de Manuel Costa e Ramiro Varela dende o ano 1979.

Os populares consideran necesario facer un acto que "recorde o traballo levado a cabo por
homes e mulleres de Agolada que, dende as filas do PP, deron o mellor de si para acadar un mellor pobo todos", e para elo organizarán un acto no cal o principal obxectivo será "recordalos e poñer en valor a súa acción de goberno. No acto non só se recoñecerá a aqueles exconcelleiros vivos, senón que a través das súas familias tamén se recordará a aqueles que faleceron".
Dende o PP indícase que este acto xurdiu da necesidade de recordar "con paixón e orgullo un pasado que nos últimos anos outros partidos como PAYJ ou o BNG trataron de denostar. Estamos fartos de escoitar que o PP trouxo anos de tódolos males habidos e por haber, simplemente porque é falso. Este partido é o partido da recuperación dos Pendellos, das melloras infraestruturais do rural, somos o partido que converteu Agolada na Capital da Artesanía de Galicia, o que construíu o auditorio, o campo de fútbol, a casa de cultura,... en definitiva, un partido que cos seus erros sempre traballou arreo polo ben dos veciños”.
A voceira dos populares, Carmen Seijas, indica que esta homenaxe “vense xestando dende hai anos, xa que cremos que debemos poñer en valor a uns compañeiros e compañeiras, honrados e traballadores que prestaron o seu tempo para construír unha Agolada mellor”, ademais, Seijas indica que “é tamén un bo momento para contrapoñer a honestidade e traballo arreo de persoas para os cales Agolada estaba por encima de todo, cos membros do goberno actual que están dispostos a apoiar a un alcalde condenado por corrupción tan só por obter beneficios persoais. Neste partido non collen os desleais, somos o partido que máis se parece a Galicia e polo tanto, a Agolada e aos galegos. Somos xente honesta”.
Publicidade
Ao acto acudirán ademais dos membros do PP de Agolada, cargos orgánicos do partido a nivel comarcal, provincial e autonómico, capitaneados polo presidente provincial, o rodeirense Luis López. “Foi dicirlle que queriamos honrar ao noso pasado e Lugués envorcouse con nós. El sabe mellor ca ninguén que para construír un futuro necesitamos asentar as raíces dun pasado do que nunca renegaremos”.
Ese día no auditorio di Seijas “sabemos que aflorarán os nervios e as emocións, pero tamén pretendemos facer un acto ameno que nos permita botar unhas risas recordando anécdotas, ou poder comprobar como moita xente do partido a nivel galego segue o que pasa en Agolada con interese. Será unha gran xornada”.
Comentários