top of page

O PP arzuá esixe transparencia ao BNG por unha obra denunciada que afecta á contorna familiar dunha edil

A Alcaldía de Arzúa pide ao PP que deixe "de espallar bulos e reafirma o cumprimento estrito da legalidade urbanística"


Ecos da Comarca/Arzúa

O Partido Popular de Arzúa esixe explicacións ao goberno tripartito e, en particular, ao BNG, "pola xestión dunha obra denunciada polos populares o pasado mes de xuño e que afecta á contorna familiar da concelleira nacionalista Lucía López, e responsable de organización do todo o partido en Galicia". Segundo indican, "tras meses sen resposta efectiva, a situación evidencia “unha preocupante falta de transparencia e unha clara sensación de trato desigual nos veciños”. Pola súa banda, a Alcaldía de Arzúa pide ao PP que deixe "de espallar bulos e reafirma o cumprimento estrito da legalidade urbanística".


O PP lembra que foi en xuño cando puxo en coñecemento do Concello uns feitos "presuntamente irregulares, recibíndose esta semana unha notificación de incoación de

expediente que apuntaba a unha posible infracción urbanística". “O máis grave non é só o que se poida ter feito, senón o que non se fixo desde o Concello durante meses”, sinalou o portavoz popular, Rafael Rivadulla. Segundo explican, ante a ausencia de información e actuación municipal, o Partido Popular reiterou as súas solicitudes de acceso ao expediente e, finalmente, presentou unha denuncia no mes de agosto. "Non foi até outubro cando se realizou unha visita de inspección, na que se constatou que os cambios realizados non contaban coa correspondente licenza e poderían constituír unha infracción urbanística".

Para os populares, este caso "evidencia un problema de fondo na xestión municipal". “Non

temos un interese particular nesta obra, pero si na forma na que se están facendo as cousas no Concello, con veciños que teñen que esperar meses ou anos por unha licenza mentres noutros casos parece que hai unha actitude moito máis permisiva”, indicou Rivadulla.


O portavoz popular puxo o foco na responsabilidade política do goberno local: “Non é aceptable a falta de exemplaridade cando falamos dun cargo público e da súa contorna. O goberno ten a obriga de ser especialmente escrupuloso nestes casos e non dar pé a dúbidas”. Ademais, o PP cuestiona o papel da alcaldía e do conxunto do tripartito. “Debe aclararse se o alcalde coñecía estes feitos, se mirou para outro lado ou se simplemente non actuou con dilixencia. A alcaldía non pode ampararse na pasividade”, afirmou.

 PUBLICIDADE

Os populares tamén denuncian "un claro déficit de transparencia". “Levamos meses solicitando información e a pesares de ter aportado fotografías, a primeira resposta do alcalde foi copia dunha licenza de 2020, que nada tiña que ver coa denunciada. Esa primeira resposta evasiva e posteriores silencios só contribúen a aumentar as sospeitas e a deteriorar a confianza dos veciños na institución”, subliñou Rivadulla.


Finalmente, o Partido Popular de Arzúa reclama unha explicación pública por parte do goberno municipal. “Os veciños merecen saber que está pasando e comprobar que non hai unha dobre vara de medir. O abandono do Concello e a falta de xestión non poden seguir sendo a norma, e menos aínda cando hai posibles intereses particulares polo medio”, concluíu.


Pola súa banda, a Alcaldía do Concello de Arzúa quere trasladar á veciñanza "unha mensaxe de tranquilidade ante as afirmacións realizadas polo Partido Popular nos últimos días, nas que se mesturan insinuacións políticas con informacións incompletas e, nalgúns casos, claramente distorsionadas. En primeiro lugar, cómpre deixar claro que o Concello actuou en todo momento conforme á legalidade vixente. O expediente urbanístico ao que fai referencia o PP foi tramitado seguindo os procedementos establecidos, cos correspondentes informes técnicos e coa intervención dos servizos municipais competentes".


O alcalde, Xoán Xesús Carril, sinala que “o Concello actuou desde o primeiro momento conforme marca a lei, e así seguirá sendo. Aquí non hai nin trato de favor nin excepcións para ninguén”. Así mesmo, apunta que unha vez detectadas posibles irregularidades, incoouse o correspondente expediente de disciplina urbanística, tal e como marca a normativa, e este atópase actualmente en tramitación co obxectivo de reverter a legalidade urbanística, un proceso perfectamente regulado e habitual en calquera administración local.


Neste sentido, Carril subliñou que “os procedementos administrativos teñen uns tempos e unhas garantías que hai que respectar. O que non imos facer é saltarnos a lei por presións políticas nin por titulares interesados”.


Desde a Alcaldía do Concello de Arzúa deixan ben claro que: "Non existe ningún trato de favor nin excepcións na aplicación da normativa; Todos os expedientes seguen os mesmos criterios técnicos e legais; A actuación municipal está suxeita á legalidade e aos informes técnicos. Resulta especialmente grave que o Partido Popular pretenda establecer relacións interesadas entre actuacións urbanísticas e cargos públicos, cando é sabido que ningún cargo electo pode nin debe responder polas actuacións de terceiras persoas, aínda que formen parte da súa contorna persoal ou familiar". Sobre isto, o alcalde foi claro: “unha concelleira pode responder das súas actuacións, pero non das de terceiras persoas. Iso sábeo calquera que queira facer política con rigor”.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Carril tamén quixo responder directamente ás insinuacións do PP: “antes de lanzar acusacións, quizais o portavoz popular debería preguntarse se pode garantir que na súa contorna familiar nunca se fixo ningunha obra sen a correspondente licenza. A política non pode basearse na hipocrisía nin na mentira permanente”.


O Goberno municipal lamenta profundamente que o PP de Arzúa opte "por espallar bulos e xerar sospeitas infundadas, en lugar de contribuír a un debate público construtivo. A utilización partidista de expedientes administrativos en tramitación só busca erosionar a confianza da veciñanza nas institucións. Pedímoslle ao Partido Popular que deixe de espallar bulos e de xogar coa desinformación. A veciñanza merece respecto e información veraz, non campañas de ruído político”, concluíu o alcalde.


Desde o Concello de Arzúa reiteran "o noso compromiso coa transparencia, coa legalidade e coa igualdade de trato para toda a veciñanza, e seguiremos traballando con responsabilidade e rigor na xestión pública".



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page