O pleno de Arzúa apoia a moción do BNG para defender a FP agropecuaria e agroecolóxica no IES
Tamén foi aprobada a moción do grupo de goberno solicitando a defensa da inclusión dos servizos municipais nos criterios de acceso ao Bono Concilia co voto en contra “dun Partido Popular que só responde aos intereses dunha dereita cada vez máis extrema”
Ecos da Comarca/Arzúa
O BNG logrou que no pleno municipal de Arzúa celebrado na tarde do xoves fose aprobada por maioría a moción presentada en defensa do grao medio de FP de Produción agropecuaria e oferta parcial de produción agroecolóxica no IES de Arzúa. O texto do acordo traslada a demanda da corporación á Consellería de Educación de que este ciclo formativo se manteña tamén en cursos sucesivos.

Este ciclo de Formación Profesional, moi valorado por alumnado, empresas e dentro do propio sector agrario, é o único ciclo público destas características que existe no noso país. "Mais a propia Xunta de Galiza está a dificultar o acceso ao mesmo, despois de reiterarse erros dependentes da propia Consellería que impediron a matriculación do alumnado", sinala o Bloque.
Segundo a valoración da voceira municipal, Lucía López, isto “ademais de supor un ataque ao ensino público e á oferta formativa do IES de Arzúa, tamén supón menosprezo a un concello e unha comarca coma a nosa, eminentemente gandeira e cun medio rural que o que precisa son apoios e non novos ataques frontais”.
PUBLICIDADE
“Vemos como o Partido Popular continúa poñendo ao noso concello e ao maior sector produtivo contra as cordas, despois das ameazas constantes da instalación de Altri e a reapertura da mina de Touro e O Pino. Ademais, inserido no seu proxecto de destrución dos servizos públicos, deteriorando o noso ensino público e eliminando un ciclo formativo punteiro, moi ben valorado e único en todos os centros públicos deste País”, engadiu.
PUBLICIDADE
Defensa da inclusión dos servizos municipais de conciliación
Asemade, tamén foi aprobada a moción presentada polas forzas de goberno na defensa dos servizos municipais de conciliación, o Arzúa + Concilia, "fronte á exclusión da Xunta de Galiza nos criterios de acceso ao Bono Concilia e urxindo unha rectificación por parte do goberno do Partido Popular". “O Partido Popular xa ten menosprezado o traballo área de igualdade e co seu rexeitamento a incluír os servizos públicos de carácter municipal no Bono Concilia mostra unha vez máis a súa faciana máis machista e defensora das empresas privadas”, salienta López. Neste sentido censura a actitude do Partido Popular de Arzúa, “cunhas prioridades que responden aos mandados dunha dereita cada vez máis extrema pretendendo impor en Arzúa a súa ideoloxía retrógrada e neoliberal que atenta directamente contra os dereitos conquistados”.
PUBLICIDADE
Lucía López tamén puxo de manifesto o importante esforzo realizado polo Concello de Arzúa “tanto desde un punto de vista económico, coma tamén material e organizativo para poñer en marcha e desenvolver servizos municipais de conciliación que permitan unha mellor compatibilidade entre a vida familiar e laboral”. “Isto deixa claro que as prioridades do BNG sempre van estar en mellorar as condicións de vida da veciñanza, fronte a un Partido Popular que só pretende destruír servizos públicos e obrigarnos a retroceder”, conclúe.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Arzúa reclama á Xunta que o Bono Concilia Familia inclúa tamén os servizos municipais de conciliación: https://www.ecosdacomarca.com/post/arz%C3%BAa-reclama-%C3%A1-xunta-que-o-bono-concilia-familia-incl%C3%BAa-tam%C3%A9n-os-servizos-municipais-de-conciliaci%C3%B3
O PP de Arzúa critica a reclamación do Concello sobre o Bono Concilia Familia: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pp-de-arz%C3%BAa-critica-a-reclamaci%C3%B3n-do-concello-sobre-o-bono-concilia-familia










Comentarios