O Plan Maior Seguridade arranca en Silleda con boa acollida da primeira charla celebrada en Cortegada
A Garda Civil iniciou o martes, en colaboración co Concello de Silleda, un ciclo de encontros informativos para reforzar a seguridade das persoas maiores e previr posibles estafas e delitos
Laura Moure/Silleda
O Plan Maior Seguridade botou a andar o martes no municipio de Silleda cunha primeira charla informativa celebrada no centro social de Cortegada, que contou cunha boa acollida por parte da veciñanza. A iniciativa, promovida pola Garda Civil en colaboración co Concello de Silleda, busca achegar ás persoas maiores información útil e recomendacións prácticas para reforzar a súa seguridade no día a día, especialmente ante posibles roubos, furtos, estafas e outras situacións de risco.

Durante a sesión de Cortegada, un axente do corpo, ao que presentou a concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, abordou diferentes cuestións relacionadas coa seguridade nos domicilios, as precaucións nas entidades bancarias e a prevención de fraudes, prestando tamén especial atención aos riscos asociados ao uso dos teléfonos móbiles e de Internet.
O encontro desenvolveuse nun ambiente próximo e participativo, no que as persoas asistentes tiveron a oportunidade de resolver dúbidas e recibir consellos para identificar posibles enganos e saber como actuar ante situacións sospeitosas.
PUBLICIDADE
Novas sesións nas parroquias
O ciclo continuou onte , no centro social de Lamela, mentres que a seguinte cita está prevista para o martes 17 de novembro, ás 19:00 horas, en Cira. Ademais, o Concello de Silleda e a Garda Civil traballan na programación de novos encontros noutros centros sociais do municipio, cuxas datas e localizacións se darán a coñecer proximamente.
Dende o goberno municipal valórase moi positivamente o inicio destas charlas, que permiten achegar directamente ás parroquias información de especial interese para as persoas maiores.
PUBLICIDADE
Neste sentido, o Concello destaca que este tipo de actividades resultan especialmente importantes no ámbito rural, tanto pola súa vertente preventiva como pola oportunidade que ofrecen de establecer un contacto directo entre a veciñanza e os axentes da Garda Civil.
O Concello agradece a implicación da Garda Civil nesta iniciativa e anima á veciñanza a participar nas vindeiras sesións, lembrando que coñecer os riscos e saber como previlos é fundamental para gañar en seguridade, confianza e autonomía.









Comentarios