top of page

O Pino pecha con éxito unha nova edición de Viaxando coa cativada tras oito xornadas

Praias, museos, espazos naturais e parques formaron parte dunha programación gratuíta que rematou este mércores, 26 de agosto, cunha última saída ao Pazo Park Dinoslandia


Laura Moure/O Pino

O Concello do Pino acaba de pechar con éxito a terceira edición de Viaxando coa cativada, o programa municipal de conciliación que durante os meses de xullo e agosto permitiu á rapazada da localidade desfrutar de oito xornadas de lecer educativo en diferentes puntos de Galicia. A iniciativa, dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, desenvolveuse os mércores do verán e combinou actividades recreativas, visitas

culturais, divulgación científica, natureza e praia.

A programación puxo o seu broche final este mércores, 26 de agosto, cunha saída ao Pazo

Park Dinoslandia, en Lugo, onde a rapazada desfrutou dun día cheo de diversión entre piscinas de bólas, inchables, tirolesas, tobogáns e outras propostas pensadas para xogar e compartir.


Esta última excursión completou un percorrido que comezou o 8 de xullo na praia de Tanxil, en Rianxo, cunha primeira xornada na que os baños se combinaron con xogos

grupais. Unha semana despois, o 15 de xullo, a cativada viaxou ata A Domus, na Coruña, onde puido achegarse á ciencia dunha maneira lúdica e participativa.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

O 22 de xullo o destino foi o Museo do Humor de Fene, onde os rapaces e rapazas descubriron o mundo do humor gráfico a través das súas exposicións e coñeceron máis de

preto o traballo de ilustradores e humoristas. A programación de xullo pechouse o día 29

cunha visita ás Fragas do Eume, un dos espazos naturais máis singulares de Galicia, que

permitiu á rapazada desfrutar dunha xornada en contacto directo coa natureza.


Xa en agosto, o programa continuou o día 5 cunha excursión a Avifauna, en Outeiro de Rei,

onde os nenos e nenas se achegaron ao mundo das aves e coñeceron diferentes especies. O mércores 12 a expedición trasladouse ata San Sadurniño para descubrir a Fraga Máxica de Cortiña, cunha proposta na que o xogo serviu tamén para fomentar o respecto, o coñecemento e o coidado do medio natural.


O 19 de agosto foi a quenda dunha nova xornada de praia. Nesta ocasión, a cativada do Pino pasou o día na praia de Gandarío, en Bergondo, desfrutando de actividades ao aire

libre antes de afrontar á semana seguinte a última parada do programa no Pazo Park

Dinoslandia.


Unha iniciativa gratuíta para as familias

En total, Viaxando coa cativada realizou oito saídas durante os meses de xullo e agosto,

contando en cada unha cun máximo de 50 participantes e sendo a iniciativa gratuíta para

as familias.


Nestas excursións, a rapazada do Pino tivo a oportunidade de coñecer contornas naturais,

museos, praias e espazos de lecer moi diferentes, sumando en cada saída novas experiencias, aprendizaxes e momentos de convivencia. Un verán de viaxes no que,

ademais da diversión, se fomentaron valores coma o compañeirismo e o respecto pola

natureza e polos animais.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

O programa, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia

e polo Ministerio de Igualdade dentro do Plan Corresponsables, é unha aposta firme do

Concello do Pino por ofrecer alternativas de lecer educativo que faciliten a conciliación

das familias durante os períodos non lectivos, á vez que lle permiten á infancia desfrutar

de novas experiencias fóra do municipio.


Tras un balance do máis positivo, Viaxando coa cativada despídese ata unha próxima

edición deixando na mochila dos rapaces e rapazas un bo feixe de aventuras, risas,

aprendizaxes e recordos compartidos ao longo de todo o verán.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page