O Concello reserva outros 289.000 euros para gasto corrente
Ecos da Comarca/O Pino
O Pleno da Corporación do Pino aprobou este xoves destinar para gasto corrente 289.736 euros dos 514.429 que lle corresponden do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, o Plan único de Concellos POS+ 2024. Os outros 224.693 euros resérvanse para facer obras en cinco parroquias do municipio. Na sesión tamén se aprobou o plan complementario, que inclúe melloras viarias en Arca, Lardeiros e Cerceda por 467.000 euros, e o POS+ adicional para gastos sociais extraordinarios, que estará dotado este ano con 82.781 euros.
Cos votos a favor do equipo de goberno (PP) e do BNG e a abstención do PSdeG, o pleno
aprobou destinar 224.693 euros do POS+ 2024 a tres proxectos de obras que se van facer en Budiño, Gonzar, Cerceda, San Breixo e Arca. Para completar estas actuacións, o Concello destinará tamén ás mesmas un total de 36.500 euros de fondos propios.
O proxecto con maior orzamento (104.477 euros) inclúe melloras nas pistas de Cezar a
Cruceiro e de Quintáns ata a estrada xeral, en Budiño. Tamén se acometerán traballos na
pista do Vilar ata Bugalleira, dende aquí ata os Castriños e a de Amarella ata Agra de
Piñeiro, en Gonzar. En Cerceda vanse arranxar os accesos a Ras e varias pistas en Raviña.
No que se refire ao proxecto de San Breixo de Ferreiros, levaranse a cabo actuacións en
Aldea de Abaixo, O Picoto, Igrexa, Outeiro, A Torre, Quintáns, A Ponte, Salceda e
Lengüelle mellorando diferentes pistas cun orzamento de 98.849 euros.
Publicidade
Por último, o terceiro proxecto do POS+ inclúe a renovación do pavimento peonil na rúa
Codesal, en Arca, por un importe de 57.866 euros.
O alcalde, Manuel Taboada, explicou no pleno que hai outros catro proxectos de obras dentro do plan complementario por un orzamento conxunto de 467.993 euros e que se van executar en Arca, Lardeiros, Medín e Cerceda. Trátase da mellora de seguridade viaria nas rúas Codesal, Casilla e Fontenla (Arca), cun orzamento de 165.427 euros; a renovación do pavimento peonil na rúa Nova, en Arca (96.137 euros); a pista de acceso dende O Marquiño (Lardeiros) ata o límite co municipio de Arzúa (Medín), por 93.789 euros, e a pista dende Vilarmeao ata o enlace coa autovía, en Cerceda, cun orzamento de 112.637 euros.
Publicidade
Ademais, durante a sesión aprobouse o POS+ adicional para o financiamento de gastos
sociais extraordinarios neste exercicio por un importe total de 82.781 euros. A proposta foi
aprobada por unanimidade.
Desta partida de gastos sociais extraordinarios, o Concello do Pino destinará 32.696 euros
para o reforzo e ampliación de persoal técnico no departamento de Servizos Sociais e
50.085 euros a ampliar o servizo de axuda a domicilio.
Comments