O Pino convida a despedir o ano correndo na súa III San Silvestre o sábado 26 de decembro
Haberá medallas nas tres probas escolares e premios aos mellores disfraces individuais e de grupo
Laura Moure/O Pino
O Concello do Pino, a través do Departamento de Deportes e coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e do Club Atletismo O Pino, organiza a III San Silvestre do Pino, que se celebrará o sábado 26 de decembro a partir das 16.30 horas. A cita combinará a práctica deportiva co ambiente festivo do Nadal e estará aberta a persoas
federadas e non federadas nacidas en 2023 ou en anos anteriores.

A praza de Forcarei acollerá a saída e a meta de todas as carreiras. A xornada comezará ás 16:30 horas coa categoría Escolares 1, para a cativada nacida entre 2021 e 2023, que
completará un percorrido de 165 metros. Ás 16:40 horas será a quenda de Escolares 2, para participantes de 2019 e 2020, cunha distancia de 340 metros. A terceira proba escolar, destinada a quen nacese entre 2016 e 2018, partirá ás 16.55 horas e terá un trazado de aproximadamente un quilómetro. A carreira absoluta, para persoas nacidas en 2015 ou en anos anteriores, comezará ás 17:15 horas sobre un circuíto duns catro quilómetros. Na carreira da categoría Escolares 1 permitirase que unha persoa adulta acompañe cada menor para orientalo e prestarlle asistencia durante o percorrido, sen levalo en brazos, ás costas ou de calquera outra forma que implique transportalo.
PUBLICIDADE

As inscricións tramitaranse por internet a través da web de Carreiras Galegas e o prazo
rematará o mércores 23 de decembro ás 23:59 horas. A participación será gratuíta para todas as persoas que teñan 16 anos ou menos na data da carreira, tamén se toman parte na proba absoluta. Para quen teña 17 ou máis anos, o prezo será de 5 euros. Non se admitirán inscricións fóra de prazo nin o propio día da competición.
A organización entregará trofeos ás tres primeiras persoas clasificadas da categoría adulta e medallas a todas as que participen nas carreiras de 165 e 340 metros e dun quilómetro. Tamén se premiarán os mellores disfraces ou traxes de temática ou simboloxía de Nadal, tanto individuais como de grupo, nas categorías escolares e adulta. Para optar a estes galardóns será necesario presentarse na liña de saída cinco minutos antes do inicio da proba correspondente. A entrega de premios está prevista para as 17:45 horas na praza de Forcarei, ao remate da carreira.
PUBLICIDADE
Como o ano pasado, todas as persoas inscritas poderán desfrutar de churros para completar esta tarde de deporte e ambiente de Nadal. Os dorsais recolleranse na secretaría da competición, situada na mesma praza, preto da casa do Concello, ata trinta minutos antes do inicio de cada proba. Deberán levarse visibles na parte dianteira do corpo, tamén no caso de participar con disfrace.

A San Silvestre forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e contará co control técnico do Comité Galego de Xuíces. Ás persoas non federadas tramitaráselles unha licenza de día. Para máis información, pódese contactar co Departamento de Deportes no teléfono 981 511 002, extensión 6.








Comentarios