top of page

O Pino cobrará o recibo da auga cada 2 meses e ratifica a suspensión da taxa de sumidoiros

Aprobado a agrupación co Concello de Touro para solicitar unha axuda á Xunta para arranxar a ponte dos Mogos

Ecos da Comarca/O Pino

O Pleno do Concello do Pino aprobou este xoves por unanimidade modificar a ordenanza reguladora do prezo público da auga que ratifica a supresión da taxa de saneamento de sumidoiros, como xa anunciara o alcalde no mes de maio, e presenta como novidade que a partir de agora o recibos cobraranse cada dous meses.


Na sesión tamén se acordou delegar na Xefatura Provincial de Tráfico as competencias para impor sancións de circulacións nas vías municipais; ratificouse a cesión dunha parcela á Xunta para construír vivenda protexida en Arca e aprobouse o convenio co Concello de Touro para solicitar unha subvención á Consellería de Presidencia de 50.000 euros para arranxar a ponte dos Mogos. A liquidación da Conta Xeral de 2025 deixa un remanente positivo de tesourería de 1,86 millóns de euros.

Os recibos do consumo de auga da traída municipal pasarán a ser bimensuais no Concello

do Pino a partir do mes de xullo deste ano, segundo acordou hoxe por unanimidade o Pleno da Corporación ao aprobar a modificación da ordenanza municipal de subministración da auga potable. As taxas de abastecemento manteñen os mesmos prezos que se aplicaron xa no primeiro trimestre, o Pleno si acordou deixar en suspenso a taxa pola depuración e sumidoiros ata que se complete o estudo que permita establecer os custos reais deste servizo. Durante este período o gasto será asumido polas arcas municipais. A taxa de depuración suspéndese con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro deste ano.


O recibo bimensual facilitará a detección precoz de anomalías técnicas e unha localización

de perdas de auga de xeito máis áxil, segundo trasladou a empresa concesionaria ao

Concello. Ademais, ao facerse a lectura do contador cada dous meses tamén se facilita un

consumo responsable da auga e mellora a xestión e o control por parte das persoas

usuarias, ao coñecer o consumo que fan con maior asiduidade.


O alcalde, Manuel Taboada, explicou que o consumo real da depuradora é menor que o

estimado no estudio económico feito durante 2025. “A idea é deixar que a EDAR estea un

ano en funcionamento para coñecer cal é o custo do seu funcionamento e así poder

elaborar unha taxa de saneamento e depuración con gastos reais”, asegurou. Manuel Taboada volveu animar á veciñanza a comunicar ben no concello ou ben nas oficinas da empresa concesionaria calquera anomalía que detecten tanto no servizo de abastecemento de auga coma nos recibos. A modo de exemplo dixo que si unha familia que ten fosa séptica e non está conectada a depuradora, pero se lle pasou o recibo de

saneamento e sumidoiros debe notificalo para corrixir ese erro.


Así mesmo, o alcalde explicou que nos vindeiros recibos deste ano se compensará o que se cobrou de máis pola taxa de saneamento a todas as persoas usuarias no recibo do primeiro trimestre deste ano. A primeira compensación farase xa no recibo deste segundo

trimestre, “e se fose necesario seguirase aplicando nos vindeiros recibos, que xa serán

bimensuais”, engadiu.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Mellora da ponte dos Mogos

Por outra banda, o Pleno tamén aprobou por unanimidade a sinatura dun convenio co

Concello de Toura para mellorar a ponte dos Mogos, situada no límite entre ambos municipio na estrada que vai dende Arca ata Bama. Para esta mellora solicitarase unha

subvención de 50.000 euros á Consellería de Presidencia


A obra ten un orzamento de 62.500 euros e consistirá en darlle un sobreancho para

incrementar a seguridade viaria dos peóns e tamén mellorar as barandas que garanten a

seguridade dos vehículos, ademais de mellorar o firme.


O Pino será o concello encargado de levar toda a xestión: tramitar o expediente, solicitar a

axuda á Xunta e a contratación das obras. Do orzamento total agardase que a Xunta aporte o 80%, outro 15% o concello do Pino e un 5% o Concello de Touro.


Competencias de tráfico e Conta Xeral

A proposta da alcaldía de ceder as competencias á Xefatura Provincial de Tráfico en materia de sancións de circulación no termo municipal do Pino tamén foi aprobado por

unanimidade. O alcalde argumentou que o Concello non ten nin policía local ni persoal

para asumir a tramitación destes expedientes.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Na sesión tamén se aprobou definitivamente a Conta Xeral do Concello correspondente ao

ano 2025, que deixou un remanente positivo de tesourería de 1,86 millóns de euros. A

conta estivo a exposición pública e non se presentou ningunha alegación. A aprobación

definitiva foi cos votos a favor do PP (7) e a abstención de BNG (2) e PSdeG (2).


Vivenda pública

A Corporación tamén ratificou a cesión da parcela R-9 ao Instituto Galego de Vivenda e

Solo para construír vivenda pública en Arca. A parcela xa fora cedida a Xunta para a

construción de ata 16 vivendas protexidas ao estar pegada a outra parcela de titularidade

autonómica, pero o Goberno autonómico solicitou un acordo plenario, que se tomou por

unanimidade.


Segundo explicou o alcalde, tras o período de exposición pública durante 20 días, completarase a cesión á Xunta, que ten previsto incluír esta parcela na bolsa de só durante

este ano por se hai promotores interesados en construír vivenda pública no Pino.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page