top of page

O Pino adxudica a Espertar Servicios Sociais a axuda no fogar cun orzamento de 660.000 €

25 sept 2025
4 min de lectura

 O Concello deberá pagar a 23,46 euros a hora en días hábiles e  sábados; a 25,82 os domingos e festivos, e a 24,81 €/h o servizo  de libre concorrencia


Ecos da Comarca/O Pino

O Pleno do Concello do Pino aprobou onte adxudicar á empresa Espertar  Servicios Sociais o Servizo de Axuda no Fogar do municipio durante un ano por un importe  que supera os 660.000 euros para un máximo de 28.000 horas de atención ás persoas  vulnerables do municipio. Na sesión tamén se acordou prorrogar por un ano máis o servizo  de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria coa empresa SOL (Servicios, Obras y  Limpiezas) cun orzamento de 149.208,38 euros. A Corporación tamén aprobou a  modificación das taxas de licencia urbanística e a de dirección de obra. 


A sesión comezou gardando un minuto de silencio polos crímines que hai en Gaza e noutros  conflitos armados en todo o mundo. 

A partir do 1 de xaneiro de 2026, a empresa Espertar Servicios Sociais seguirá encargándose  do Servizo de Axuda no Fogar do Concello do Pino un ano máis, despois de que a Corporación  do Pino ratificase a proposta da mesa de contratación de adxudicarlle o SAF por ser a oferta  máis vantaxosa para o Concello. 


O Pino reserva 666.407,80 euros anuais para o Servizo de Axuda no Fogar, no que se  contemplan un máximo de 28.000 horas anuais de atención ás persoas máis vulnerables do  municipio nas modalidades de axuda no fogar a través da Lei de Dependencia ou a través da  libre concorrencia.


“Este prezo supón para os orzamentos do Concello un incremento o  vindeiro ano de 179.595,66 euros respecto da adxudicación que fixemos en 2023, o que  representa un incremento do 36,89% de incremento en dous anos, cando o SAF non é un  servizo de competencia municipal”, asegurou o alcalde. Manuel Taboada tamén adiantou  que a Xunta ten previsto subir a súa aportación dos 12 euros actuais aos 16 euros en 2026, o que representa só un 33,33% de incremento, inferior ao que debe afrontar o Concello”,  asegurou.


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

“Agardo que Xunta e Goberno central se poñan de acordo dunha vez para financiar este  servizo como recolle a Lei de Dependencia, porque senón van acabar afogando aos concellos. O SAF xa é o servizo máis caro que temos licitado no Pino, sen ser de competencia  municipal”, afirmou Taboada.


A oferta presentada por Espertar Servicios Sociais na licitación do SAF inclúe a atención no  servizo de dependencia en días hábiles e sábado a un coste de 23,46 euros a hora (ata o de  agora pagábase 20,28), que se eleva ata os 25,82 euros/hora en domingos e festivos (20,80 € actualmente). A oferta para a atención no sistema de libre concorrencia ascende a 24,81  euros/hora (agora 21,45 €), en todos os casos co IVE xa incluído. 


A mesa de contratación tamén valorou positivamente as melloras en subministro de axudas  técnicas que presentou a empresa adxudicataria: 6 camas, 6 grúas, 6 cadeiras de rodas 3  cadeiras sen rodas, 2 colchóns, 3 asentos e 5 limpezas de choque anuais. 


Taboada explicou que os prezos que se sacaron a licitación foron axeitados a situación do  mercado. “Ninguén impugnou os pregos e houbo 6 empresas que se presentaron a licitación,  cando noutros concellos queda deserto”, asegurou Manuel Taboada.  O punto foi aprobado cos votos a favor do PP (6) e a abstención de BNG (2) e PSdeG (2).


Na sesión de onte, a Corporación ratificou por unanimidade a proposta de renovar por unha  anualidade o servizo de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria coa actual  concesionaria, a empresa SOL (Servicios, Obras y Limpiezas), o que suporá un importe de 149.208,38 euros 

PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Modificación de ordenanzas 

O pleno da Corporación tamén debateu este mércores a ordenanza fiscal reguladora da taxa por  prestación de servizos de dirección e obra, pola coordinación de seguridade e saúde,  inspección e liquidación de obras, que se aplicará naqueles casos nos que os técnicos  municipais teñan que desempeñar estas funcións a solicitude dos promotores de obras. 


No caso de dirección de obras a cargo dos servizos técnicos municipais, ou contratada polo  Concello, o promotor da obra deberá pagar unha taxa do 3,35% do orzamento de execución.  No caso da coordinación en materia de seguridade e saúde, a taxa será do 0,85% sobre o  orzamento. En ambos casos, esta taxa non inclúe os impostos. 

Tamén por unanimidade aprobouse modificar a ordenanza fiscal reguladora da taxa por  licencias urbanísticas, que pasa a incluír un quinto apartado. Tras a aprobación de hoxe a  ordenanza contempla as seguintes porcentaxes: 


O 2,5% do custo real e efectivo da obra civil de tratarse de movementos de terra, obras de  nova planta e modificación de estruturas ou aspecto exterior as edificacións existentes. O  1% do curso real e efectivo da vivenda, local ou instalación de tratarse de primeira utilización  dos edificios ou a modificación do usos destes. O 2% do valor asignado ós terreos e  construcións no IBI nos casos de derrubamentos de construcións. 30,05 euros por metro ou  fracción de carteis de propaganda na vía público, e 63,15 euros por tramitación do  expediente de segregación ou parcelación urbanística. 


O alcalde, Manuel Taboada, destacou que a nova taxa da segregación de parcela supón un  aforro importante para a veciñanza, “ao pasar a ter un prezo fixo de 63,15 euros cando ata  o de agora se pagaba o 2% do valor catastral que o Ministerio de Facenda lle asignada á  parcela”. 


Estas ordenanzas someteranse agora a exposición pública

No apartado de rogos e preguntas, BNG e PSdeG interesáronse pola situación do transporte público para o alumnado que estuda en Santiago, ao detectar algunha deficiencia os primeiros días de clases. Manuel Taboada explicou que algún alumno non puidera coller o transporte público porque os buses viñan cheos, pero que despois de falar coas familias e  coa Dirección Xeral de Mobilidade non volveu ter coñecemento de ningunha incidencia.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page