O Parque Central de Galicia en Antas de Ulla acollerá o 18 de xullo un Mercado Km0
- Laura Moure

- hace 1 hora
- 2 min de lectura
Organizado polas produtoras da Ulloa, busca poñer en valor o traballo do rural, a elaboración artesanal e os produtos de proximidade, nunha xornada pensada para todos os públicos
Laura Moure/Antas de Ulla
O Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla, acollerá o 18 de xullo unha xornada que leva por nome Mercado Km0. A cita converterase nun punto de encontro arredor da produción artesanal e alimentaria de quilómetro cero galega, reunindo un total de 40 iniciativas chegadas de diferentes puntos de Galicia. O evento, organizado polas produtoras da Ulloa, busca poñer en valor o traballo do rural, a elaboración artesanal e os produtos de proximidade, nunha xornada pensada para todos os públicos. O horario será de 11 a 20 horas.
PUBLICIDADE
O programa inclúe música, palestras, obradoiros e demostracións en directo de distintos oficios e técnicas tradicionais. Entre as actividades previstas haberá exhibicións de cestería con láminas, tecido de la e tamén tecido de la en tear antigo, ofrecendo ao público a posibilidade de achegarse a procesos artesanais ligados á tradición galega.
PUBLICIDADE
A organización lembra ademais que os obradoiros contan con prazas limitadas, polo que as persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición. En concreto, poderase participar no obradoiro de escultura cesteada con Lola Tourón, chamando ao 621 125 225, e no laboratorio de cosmética rural coas herbas medicinais da Ulloa, con Milhulloa, no 620 783 682.
Desde a organización animan á veciñanza e ás persoas visitantes a reservar a data e achegarse á Ulloa para desfrutar dunha xornada de encontro, aprendizaxe e celebración arredor do produto local e do saber facer artesanal.
PUBLICIDADE
O 18 de xullo, a Ulloa volverá converterse así nun escaparate do talento, da tradición e da calidade da produción galega de proximidade.










Comentarios