O parque canino de Silleda acollerá o sábado 26 unha nova edición do Festican
A cita incluirá exhibicións, concursos e actividades para as mascotas
Laura Moure/Silleda
O parque canino de Silleda acollerá o vindeiro sábado 26 de setembro unha nova edición de Festican, unha xornada dedicada ás mascotas que combinará actividades lúdicas, exhibicións e propostas para fomentar a convivencia responsable e o benestar animal. A cita desenvolverase entre as 10:00 e as 14:00 horas e estará aberta á participación e asistencia de toda a veciñanza.

Ao longo da mañá, o público poderá desfrutar de diferentes actividades relacionadas co mundo canino. Entre as propostas previstas figura unha exhibición e selección do mellor
disfrace, tamén haberá unha exhibición de trucos e habilidades, na que se poderán comprobar as destrezas das mascotas.
Outro dos momentos da xornada será a exhibición de salto de obstáculos, unha actividade que contará coa participación e interacción do público, achegando unha vertente máis dinámica e participativa ao encontro.
PUBLICIDADE
Festican contará tamén cunha mostra do Can de Palleiro de Galicia, que permitirá coñecer máis de preto esta raza autóctona galega e as súas principais características.
Desde o Concello de Silleda anímase á veciñanza a achegarse ao parque canino e participar nesta xornada, que pretende ofrecer un espazo de encontro arredor das mascotas e, ao mesmo tempo, promover a convivencia responsable, o coidado e o respecto polos animais.
PUBLICIDADE
Para participar nas actividades, as mascotas deberán cumprir os requisitos establecidos pola organización. Todas as mascotas participantes deberán estar identificadas con microchip, mentres que non se admitirán mascotas clasificadas como raza potencialmente perigosa sen o correspondente bozal, tal e como se indica no cartel da actividade.
A xornada Festican busca así combinar o carácter lúdico das actividades coa divulgación e sensibilización sobre a importancia da tenza responsable e do benestar das mascotas, consolidando o parque canino de Silleda como un espazo de convivencia e participación cidadá.









Comentarios