O parque canino de Silleda acolle o sábado 24 a xornada Festican, con exhibicións e concursos
- Laura Moure
- hace 5 horas
- 2 Min. de lectura
Elixiranse ás mascotas máis bonitas, e haberá unha mostra de can de palleiro, entre outras actividades
Laura Moure/Silleda
Silleda acolle o vindeiro sábado día 24 o certame Festican, unha cita que busca fomentar a convivencia responsable entre persoas propietarias e mascotas caninas. A cita será no parque canino, que abriu as súas portas en novembro do pasado ano, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Ao longo da mañá haberá exhibicións e concursos, así como unha mostra de can palleiro de Galicia.

Todas as mascotas que se acheguen a primeira hora poderán inscribirse para participar nos certames. Haberá un de beleza e outro sobre trucos e habilidades. Así mesmo, deberán estar microchipadas e non se admitirán cans clasificados como de raza potencialmente perigosa sen bozal. Haberá premios para os tres primeiros clasificados de cada certame, e agasallos para todas as mascotas participantes.
No tocante á exhibición, volverán ao recinto Kía e Lúa, dúas Border Collies que amosarán as súas destrezas ante o público guiadas polo seu propietario, Serafín López, con interacción co público. Durante a xornada, as persoas asistentes tamén poderán contemplar unha exposición de cans palleiro de Galicia, propiedade de Valentín González, será o Presidente do Club de Can de Palleiro, Daniel Conde, quen expoñerá en detalle as súas características.
Publicidade
“Con este certame buscamos visibilizar as boas prácticas de coidado e adestramento canino, crear comunidade e dinamizar a vida local arredor das mascotas, e ofrecer ao mesmo tempo un espazo lúdico e educativo fomentando o benestar animal”, indica a alcaldesa, Paula Fernández.
Festican conta coa inestimable contribución do adestrador canino silledense Tony Lanzó, e conta coa colaboración das persoas voluntarias no programa de xestión das colonias felinas do Concello de Silleda que contribúen co seu esforzo ao desenvolvemento desta a xornada; de José Manuel Miragaia, presidente da Asociación de Cans Pastores de Galicia (Acapogal) e de Carlos Belay.
Publicidade
A alcaldesa agradece así mesmo a todas as persoas e entidades que colaboran ca organización deste certame a súa disposición. Dende o Concello convídase á veciñanza a participar nesta xornada lúdica, nun espazo seguro e respetuoso, que contará ca supervisión de persoal veterinario, entre outras medidas de seguridade.
Comments