O Outono Teatral do Pino regresa con cinco espectáculos entre outubro e novembro
A programación inclúe tamén dúas propostas para o alumnado do CPI Camiño de Santiago con motivo do 25N
Laura Moure/O Pino
O Concello do Pino presenta unha nova edición do Outono Teatral, que se desenvolverá entre o 24 de outubro e o 25 de novembro. A programación achegará á veciñanza propostas de narración oral e comedia, e contará con dúas funcións escolares para promover a reflexión sobre a igualdade e as violencias que afectan ás mulleres.

Rilo e Penadique abrirán o ciclo o sábado 24 de outubro con Asdomare, unha proposta de narración oral para público familiar que pon no centro as mulleres do mar. As historias de
sereas, atadoras e mariscadoras tecen un espectáculo no que as voces femininas e a
tradición oral son protagonistas. A función forma parte do Circuíto en Igualdade da Deputación da Coruña.
A seguinte cita será o domingo 1 de novembro, cando Malasombra Producións representará De algo hai que morrer! Nesta conferencia fúnebre, cómica e teatral, os
peculiares profesores Jeckill e Hyde comparten as súas investigacións sobre a morte. A
través do humor e da dramatización, abordan cuestións como a inmortalidade ou a vida
despois da morte e convidan o público a mirar este asunto desde outra perspectiva.
PUBLICIDADE
O domingo 15 de novembro, Talía Teatro levará á escena Bicos con lingua. A montaxe
emprega a comedia e as situacións cotiás para reflexionar sobre os usos e abusos da lingua galega. Desde o amor polo idioma, propón unha experiencia de redescubrimento da súa riqueza e unha mirada sobre o lugar que ocupa no día a día.
As tres representacións celebraranse na Casa da Cultura Luis Seoane, en Arca, ás 18:00
horas.
Teatro para escolares arredor do 25N
O Outono Teatral inclúe dúas funcións no CPI Camiño de Santiago, vinculadas á conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a
Muller.
O venres 20 de novembro, ás 13:00 horas, Pablísimo presentará Príncipas e princesos ao
alumnado de educación infantil e do primeiro ciclo de primaria. Con princesas que se
enfrontan a dragóns e príncipes que lavan a roupa e pasan o ferro, estes contos cuestionan os roles tradicionais e achegan unha reflexión sobre a igualdade.
PUBLICIDADE
Pola súa parte, Bengala Teatro Físico representará Alicia Wants To o mércores 25 de
novembro, ás 13:00 horas, para o alumnado da ESO. A obra conta a historia dunha adolescente que sae dun centro de menores e se reencontra coa súa nai nun contexto
marcado pola exclusión social e os abusos. A través dunha partida de xadrez, o público
participará na historia votando algunhas das decisións que debe tomar Alicia.
O Outono Teatral está organizado polo Concello do Pino e conta coa colaboración da
Deputación da Coruña, a través da Rede Cultural e do Circuíto en Igualdade.









Comentarios