top of page

Arzúa adxudica a mellora de dúas pistas en Burres e A Castañeda

hace 19 minutos
2 min de lectura

As obras, cun orzamento de mais de 68.000 € renovarán o firme de 950 metros na conexión entre a AC-240 e a N-547 e no camiño da Pena a Faraldo, con actuacións de drenaxe e nova sinalización

Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa adxudicou por 68.887,72 euros, IVE incluído, as obras de mellora de dous viarios nas parroquias de Burres e A Castañeda. A intervención permitirá reparar o pavimento e mellorar as condicións de circulación na vía que conecta a AC-240 coa N-547, en Burres, e no camiño da Pena a Faraldo, na Castañeda.

O proxecto abrangue un total de 950 metros e combina a renovación do firme coa mellora da evacuación das augas e da sinalización. Os traballos atenderán tanto a superficie pola que circulan os vehículos como as zonas deterioradas dos bordos da calzada, co obxectivo de facilitar os desprazamentos da veciñanza e conservar os accesos ás parroquias.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

En Burres actuarase sobre dous treitos de 70 e 530 metros, ademais das zonas de acceso e dos puntos onde se amplía a calzada. Tras reparar as fochancas, estenderase unha capa de seis centímetros de aglomerado en quente.


Na Castañeda, a mellora do camiño da Pena a Faraldo cubrirá 350 metros de lonxitude. Neste caso, o proxecto prevé reparar as fochancas e os bordos deteriorados antes de aplicar unha nova capa de aglomerado de cinco centímetros de grosor. A actuación incluirá tamén as zonas de acceso ao viario.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Ambas as intervencións completaranse coa apertura de gabias e a limpeza dos pasos de auga para facilitar a drenaxe e evitar que a acumulación de auga deteriore o pavimento. Por último, pintaranse as liñas de bordo e os símbolos viarios previstos no proxecto.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page