top of page

O NocedaRock celebra o seu 10º aniversario cunha fin de semana chea de música, cultura e actividades

A cita será o 13 e 14 de xuño na Carballeira de Lamas

Laura Moure/Lalín

Chega o mes de xuño e, con el, unha cita xa ineludible no calendario cultural do rural galego: o NocedaRock. O festival, organizado pola Asociación Cultural Bolarqueira de Noceda, celebra este ano unha edición moi especial ao cumprir dez anos de traxectoria apostando por achegar a cultura e a música galega ao rural.


A décima edición terá lugar os días 13 e 14 de xuño na Carballeira de Lamas, un espazo natural privilexiado que volverá converterse no epicentro da música, da convivencia e da dinamización social da contorna.

A programación arrancará o sábado 14 ás 16:00 horas cun campionato de billarda. Ás 17:00 horas celebrarase o faladoiro “10 anos de NocedaRock”, un encontro para repasar a historia e evolución dun festival que se consolidou como referente cultural na comarca. A continuación, ás 18:15 horas, terá lugar a actividade “Regueifando por Noceda”.


A música comezará a soar na Carballeira de Lamas a partir das 20:00 horas coas actuacións de Dakidarría, Ruxe Ruxe, Keltoi!, Tiro na Testa, Chorima, así como as sesións de Xirel DJ e Cadahía DJ, conformando un cartel de marcado acento galego e festivo.


A xornada do domingo comezará cunha sesión vermú amenizada por Roseira Brava. Unha vez rematada a actuación, celebrarase o tradicional Xantar Popular “10 anos de NocedaRock”. As persoas interesadas en participar poden retirar as súas entradas na Panadería Casa Vales, na Taberna Alola ou a través do correo electrónico xuventudebolarqueira@gmail.com.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O menú estará composto por entremeses, empanada, churrasco mixto, sobremesa e café. O prezo será de 30 euros para persoas adultas, 15 euros para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, mentres que os menores de 6 anos poderán asistir de balde.


Durante a tarde, o protagonismo será para o público máis novo coa celebración do NocedaRock Miúdo, que incluirá xogos a cargo de Sororas e o espectáculo “Costureiriña Bonita”, de Cristina Collazo e A Cova das Letras.


O peche desta edición tan especial correrá a cargo do grupo The Crowd.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Ademais da programación musical e cultural, o festival contará cunha ampla oferta de food trucks e cun espazo dedicado á artesanía. Como cada ano, tamén estará dispoñible merchandising oficial para colaborar co mantemento e crecemento deste proxecto cultural.


Desde a organización destacan que esta décima edición será unha oportunidade para celebrar os dez anos de historia do NocedaRock, continuar dinamizando a aldea e reivindicar o papel da cultura como motor de desenvolvemento do rural galego.


Unha fin de semana completa de música, tradición, participación e convivencia para festexar unha década de compromiso coa cultura galega nun enclave único como a Carballeira de Lamas.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page