O musical ‘O Camiño do Amor’ chega mañá a Melide dentro da programación das Festas do Carme
- Laura Moure
- hace 9 horas
- 2 min de lectura
O espectáculo fusiona música en directo, teatro e cinema e poderá desfrutarse no Cantón de San Roque, ás 23:00 horas
Laura Moure/Melide
O musical de rock ‘O Camiño do Amor’ chegará este mércores, 15 de xullo, a Melide cun espectáculo que forma parte da programación das Festas na honra á Virxe do Carme. A actuación, prevista para as 23:00 horas no Cantón de San Roque, conta co patrocinio da Concellería de Cultura do Concello de Melide e da Xunta de Galicia e está incluída na programación dos Concertos do Xacobeo.

Dirixido por Carlos Alleres e con produción executiva de Manu Méndez, o espectáculo, de preto de hora e media de duración, reúne música en directo, teatro e cinema nunha proposta na que o rock se converte no fío condutor da historia. O repertorio está integrado
por grandes clásicos internacionais como Still Loving You, Hotel California, Your Song,
Angie, Dream On ou Stairway to Heaven, que conducen o relato audiovisual.
PUBLICIDADE
A obra presenta unha historia de amor na que o rock é o protagonista. Trátase dunha
apoloxía a favor do amor e en contra das drogas. A particularidade da proposta é que son
as propias cancións as que conducen a historia, mentres que os subtítulos en galego
sobreimpresionados nas proxeccións dan continuidade á ópera rock.
A interpretación musical corre a cargo da banda Claxxon, acompañada pola voz de Rosa do Mar e o saxofonista Miguel Ponce. A historia desenvólvese a través dunha produción audiovisual interpretada polos actores María G. Caamaño, Lou Esmoris e Nando Llon, coa
narración e condución de Lou7Go, e cos cameos de Tacho González, Víctor Fábregas,
María Costas e José Churruca. A produción reúne tamén a máis de cincuenta persoas de
figuración.
PUBLICIDADE
A parte audiovisual foi gravada en diferentes localizacións de Galicia, entre elas As Catedrais, Faro Ortegal, Muxía, Fisterra, Carnota, Corrubedo, A Lanzada, Combarro,
Bueu, Baiona e Oia, ademais doutros espazos como o Hotel Boutique 1880, en Gaxate, o
Liceum Bar, no Porriño, e As Crechas, en Santiago de Compostela. O espectáculo
complétase cun escenario de 24 metros de ancho e unha pantalla xigante de 6 por 3
metros.




