"Este tipo de accións, que sufren con frecuencia estes elementos tan vulnerables, deberían ser evitadas con algo tan sinxelo como poñéndolle unha protección perimetral", considera
Laura Moure/Melide
O Museo Da Terra de Melide denuncia publicamente a través das súas redes sociais o enésimo dano a un cruceiro. "E por desgraza non será o último", lamenta. En concreto fala do da parroquia de Serantes, no municipio de Santiso.
Sinala que a pasada fin de semana, "mentres faciamos o roteiro polo patrimonio de Santiso cos alumnos do CEIP de Arcediago, achegámonos ata Serantes e puidemos comprobar como o seu cruceiro foi tirado unha vez máis, e xa van moitas, por un vehículo. Este tipo de accións, que sufren con frecuencia estes elementos tan vulnerables, deberían ser evitadas con algo tan sinxelo como poñéndolle unha protección perimetral", considera o museo.
Algo por outra banda, tal e como indica, non conleva nin esforzo económico, nin físico, nin impide o paso de vehículos ó seu carón, e si facilita o seu coidado e preservación. "Poñendo unha simple cadea que circunde o espazo que ocupa o cruceiro utilizando o seu perímetro e sostida por uns pivotes, axudaría a que coches, camións, tractores e demais teñan un punto no que pararse antes de topar co cruceiro", explica.
Ademais, subliña que acontece o mesmo en numerosos cruceiros da bisbarra e das comarcas veciñas: Visantoña (que xa foi reparado e vallado para evitar máis atropelos), Zas de Rei (que sufre constantes agresións na súa escalinata), Liñares (e que estivo tempo sen a cruz ata que foi reparada) ou o de Maroxo en Arzúa, ("que a día de hoxe despois de ter caído, aínda non se sabe onde están a cruz e o fuste").
"O dano causado por destrozar un cruceiro é para todos, pois o patrimonio é un ben común. Se non o coidamos e protexemos estamos a perder a nosa particularidade como pobo, a nosa propia cultura, única e irrecuperable. Coidemos o patrimonio cultural e natural, xa que son as nosas raíces", recalca o museo melidense.
Comments