O Movemento Veciñal de Touro pide unha pista de pádel e a mellora do transporte metropolitano
- ecosdacomarca

- 14 mar 2022
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Touro
O Movemento Veciñal de Touro, principal grupo da oposición, defenderá no pleno ordinario de marzo unha proposta para a instalación dunha pista de pádel no municipio, unha infraestrutura da que carece o municipio e "que provoca que a veciñanza teña que ir a outros concellos para poder practicar este deporte cos conseguintes costes".

Critica que "a pesares de contar cunha concelleira de deportes con adicación parcial de cinco horas cun coste de máis de 30.000 euros, o concello segue a contar coas mesmas carencias de sempre". Recordan que Touro recibe todos os anos "unha subvención de 30.000 euros para mellora de infraestruturas deportivas coa que o goberno pegou un par de pelotazos xustificando ese gasto no cambio do peche das pistas deportivas na contorna da piscina ou nunha taberna no campo de fútbol de Loxo, escándalos que provocaron o bochorno da veciñanza".
Por outra banda, este grupo tamén defenderá unha proposta para que a parroquia de Beseño conte cunha liña de transporte regular a Santiago "e non a demanda como existe actualmente xa que a burocracia e o uso de internet provoca dificultades para a veciñanza de maior idade". O mesmo farán coa solicitude da recuperación da liña que vai a Novefontes, "que a pesares de ser incluída como a demanda recentemente, segundo costa na web, suprimiuse e deixa sen servizo a unha parroquia".
O Movemento Veciñal recorda que "o seu traballo durante tres anos redactando un plan de transporte que achegou na fase de alegacións á D.X de mobilidade fixo que o Concello contase con melloras como por exemplo novos servizos para Novefontes ou Beseño ou novas frecuencias para a meirande parte das parroquias". E critica que "a pasividade do goberno de Ignacio Codesido está provocando que algunha destas melloras se estén eliminando deixando a parroquias sen servizo ou devaluando o mesmo. Estamos ante un goberno que non é capaz de facer as xestións máis básicas, un goberno que non aporta solucións senón problemas", conclúe.







Comentarios