top of page

O Movemento Veciñal de Touro constitúese como partido independente

"Transparencia, participación veciñal, defensa do público e desenvolvemento local serán, como son, os eixos guía da súa acción política", recalca a formación


Ecos da Comarca/Touro

O Movemento Veciñal de Touro, líder da oposición na localidade, consituirase en partido político de ámbito local no municipio coruñés coa vista posta no seu traballo cara o que resta de lexislatura e as eleccións municipais de 2023, "nas que aspiran a rematar co réxime actual que condena Touro ó abandono", di, en alusión ó rexedor e resto do equipo de goberno.

"Para afrontar este paso, a formación política, que se presentou por vez primeira ás eleccións locais do 2019 conseguindo tres concelleiros e converténdose en líder sólido da oposición ó Partido Popular, continuou o traballo que viña facendo dende o comezo da súa acción política, en permanente contacto coa veciñanza e incorporando novas voces que manifestan a necesidade dun cambio na xestión municipal de Touro, onde se mantén gran parte do equipo de goberno dende fai case 30 anos", resalta.


Así, o Movemento Veciñal de Touro, "continúa medrando dentro dos límites do concello tourense, onde a súa oposición crítica e clara ó goberno, e ó mesmo tempo construtiva e cargada de propostas posibles, necesarias, e beneficiosas para a veciñanza, revelou a existencia de alternativa política ó desmantelamento que vén padecendo o Concello, acentuado nos últimos anos".

E insiste "é unha alternativa que se sustenta, segundo os novos estatutos da formación, na participación veciñal, o desenvolvemento de políticas sociais, a loita contra o desemprego, o desenvolvemento económico e o apoio ó sector agroalimentario, e a defensa dos servizos públicos e a protección do medio natural e do territorio". Así mesmo, puntualiza que "nos novos estatutos tamén se detallan as fórmulas de participación veciñal, establecéndose a figura do afiliado-colaborador, que dará dereito de voz e voto no máximo órgano de decisión do partido en cumprimento do Código Ético, ou a creación de grupos específicos de traballo, nos que calquera veciño, colaborador ou non, poderá participar en prol do interese colectivo para o Concello de Touro". Actualmente o Movemento Veciñal de Touro (MVT) conta xa cun amplo equipo, do que forman parte tanto os membros da candidatura ás anteriores municipais como novos nomes que se seguen sumando a este proxecto político de ámbito local. Nas vindeiras datas farase a presentación pública do partido, adianta.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page