Ecos da Comarca/Touro
Cos resultados obtidos no 28M, no Concello de Touro sembrouse a dúbida de que pasará no vindeiro mandato. Co pleno de investidura á volta da esquina, que se celebrará este sábado, 17 de xuño, falamos co Movemento Veciñal de Touro liderado por Roberto Castro para coñecer a súa proposta. Este partido aposta por un tripartito no que gobernaría acompañado do Partido Galego e do BNG.
Temos que lembrar que os resultados acadados nos pasados comicios foron:
PP ( 5 concelleiros)
Movemento Veciñal de Touro (4 concelleiros)
Partido Galego ( 1 concelleiro)
BNG ( 1 concelleiro)
Con estas cifras, o PP de Touro, despois de décadas, perdeu a maioría absoluta o que pon en dúbida que poida seguir gobernando agás se forma pacto con algunha das outras formacións.
"Nós o que buscamos é un goberno estable", resalta Roberto Castro, candidato do Movemento Veciñal de Touro. Así a proposta que fixo o seu partido, explica, "é que na Xunta de Goberno seriamos catro, que é o que permite o Concello, polo tanto formariamos parte dela o Partido Galego, o BNG e nós e despois a cada un asignaráselle unha área de goberno".
Ademais, Castro adianta que ao Partido Galego ofrecéronlle a concellería de Obras "por ser xa unha área que levaba e tamén ser primeiro tenente de alcalde". Falamos entón de que ocuparía este cargo Jesús Martínez Pereira, que ata o momento é concelleiro do Partido Popular, pero que nas pasadas eleccións liderou o Partido Galego. E indica que no caso do BNG falta por concretar a súa área de goberno.
"Estamos a espera de que os respectivos partidos o ratifiquen, pero en principio, hai vondade por parte de todos", indica Castro e recalca que o Movemento Veciñal de Touro "está en disposición de asumir o goberno e a Alcaldía".
No caso de Touro optaban ao bastón de mando cinco candidaturas: PP, Movemento Veciñal de Touro, Partido Galego, BNG e o PSOE. Poden consultarse as listas no seguinte enlace: https://www.ecosdacomarca.com/post/cinco-candidaturas-optan-%C3%A1-alcald%C3%ADa-de-touro
Comments