top of page

O Mosteiro de Carboeiro de Silleda rexistrou máis de 1.900 visitantes no mes de xullo

Este domingo, festividade de San Lourenzo, a entrada será libre para todos os visitantes


Laura Moure/Silleda

O Mosteiro de Carboeiro continúa consolidándose como un dos principais atractivos turísticos do municipio e da comarca. Durante o pasado mes de xullo, un total de 1.904 persoas accederon ao emblemático monumento situado no corazón do Deza. Por primeira vez, a maioría das visitas non foron de persoas galegas, senón do resto de España, que representaron un 49% do total, fronte ao 41% de visitantes galegos. Este cambio no perfil habitual das visitas reflicte o crecemento do interese polo mosteiro a nivel estatal.

ree

Entre as comunidades autónomas con máis visitantes destacan Madrid (241 persoas), Andalucía (138) e a Comunidade Valenciana (110), aínda que tamén se rexistrou un notable incremento de visitas procedentes de Murcia e Toledo. No que respecta á procedencia galega, as persoas visitantes chegaron de diferentes puntos da comunidade, sendo maioritarias as procedentes das provincias da Coruña e Pontevedra.


Tamén se rexistrou unha presenza significativa de turistas internacionais, cun total de 186 visitantes estranxeiros. Francia destacou especialmente, con 54 persoas, seguida dos Estados Unidos (25), Reino Unido, Rusia, Italia e Arxentina, reforzando o interese global polo patrimonio arquitectónico e histórico que representa Carboeiro.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Coincidindo coa celebración do día de San Lourenzo, este domingo, 10 de agosto, a entrada ao Mosteiro será de balde, unha oportunidade perfecta para que a cidadanía e visitantes descubran ou redescubran esta xoia do románico galego nun día de especial significado para este mosteiro.


A entrada é libre a este monumento histórico, considerado a gran xoia do románico oxival galego, durante tres días ao ano: o 18 de maio (Día Internacional dos Museos), o 25 de xullo (Día de Galicia) e o 10 de agosto, coincidindo ca festividade de San Lourenzo. Só na xornada do pasado 25 de xullo accederon ao mosteiro un total de 292 persoas.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Horario de verán

O cambio na procedencia da meirande parte das persoas visitantes confirma a tempada alta de verán, época na que a comarca e o municipio de Silleda continúan a recibir numerosos turistas. O mosteiro está aberto dende o pasado 1 de xullo todos os días, coincidindo ca incorporación do novo guía contratado a través da subvención da Deputación de Pontevedra, ao contar o mosteiro cunha oficina de información turística da Rede Info Rías Baixas. O horario de acceso é de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page