top of page

O Mosteiro de Carboeiro bate un novo récord de visitas no mes de maio con 1.636 persoas

17 jun
2 min de lectura

O cenobio acada a mellor cifra rexistrada neste mes dende a pandemia e supera os datos dos últimos sete anos


Laura Moure/Silleda

O Mosteiro de Carboeiro continúa consolidándose como un dos principais referentes turísticos e patrimoniais do municipio de Silleda. O antigo cenobio recibiu durante o mes de maio un total de 1.636 visitas, unha cifra que supón un novo récord neste período e que

supera os rexistros acadados nos últimos sete anos.


Trátase, ademais, do mellor dato de visitantes nun mes de maio dende a pandemia, confirmando a tendencia positiva que vén experimentando este enclave monumental nos últimos tempos. Dende o Concello de Silleda destacan que estes datos evidencian o crecente interese por Carboeiro, tanto entre o público galego como entre visitantes doutras comunidades e tamén do estranxeiro.

O perfil maioritario das persoas que se achegaron ao mosteiro durante o pasado mes foi o de mulleres de entre 35 e 65 anos, que chegaron ata o monumento en vehículo particular e acompañadas da familia. Segundo os datos recollidos, boa parte das visitas coñeceron previamente o espazo a través dunha busca na rede, o que confirma tamén a importancia da promoción dixital dos recursos turísticos municipais.


Ademais, arredor dun 11% das persoas visitantes chegaron a pé, ben a través do Sendeiro do Deza, que comunica a Fervenza do Toxa co Mosteiro de Carboeiro, ou ben dende a contorna do balneario situado ao outro lado do río. Este dato pon de manifesto a importancia do vínculo entre natureza, patrimonio e turismo activo, un dos grandes atractivos da oferta turística de Silleda.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

En canto á procedencia, a maioría das visitas foron de orixe galega, cun 74% do total. Dentro deste grupo destacou especialmente a provincia de Pontevedra e, de xeito máis concreto, a cidade de Vigo, con 134 persoas rexistradas. Do resto de España contabilizáronse 287 visitantes, sendo Madrid a comunidade de procedencia máis habitual.


O Mosteiro de Carboeiro tamén recibiu no mes de maio 132 persoas procedentes do estranxeiro, chegadas de países como Arxentina, Holanda, Alemaña, Portugal, Xapón, Polonia ou México, entre outros. Para o Concello, estes datos amosan a capacidade do monumento para atraer visitantes de perfís e procedencias moi diversas.


A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, salienta que “estes datos son unha excelente noticia para Silleda e confirman que Carboeiro é un recurso patrimonial de primeiro nivel, cunha capacidade de atracción cada vez maior”. A rexedora destaca ademais que “o feito de superar as cifras dos últimos sete anos nun mes como maio demostra que imos polo bo camiño na promoción do noso patrimonio, da nosa natureza e da nosa identidade como destino”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Fernández tamén incide na importancia de seguir traballando arredor do conxunto que forman Carboeiro, a Fervenza do Toxa e o Sendeiro do Deza. “Temos un enclave único, no que se combinan historia, paisaxe, arquitectura e experiencias ao aire libre. Esa é unha das nosas grandes fortalezas e debemos seguir aproveitándoa con respecto, planificación e promoción”, sinala.


Dende o Concello de Silleda lembran que o Mosteiro de Carboeiro é un dos espazos máis emblemáticos do municipio e un dos grandes reclamos turísticos da comarca, tanto polo seu valor histórico e artístico como pola súa localización privilexiada na contorna natural do río Deza.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page