top of page

O melidense Gutier Taboada gaña o VIII Concurso de Pulpeiras do Galicia Fórum Gastronómico

A Casa Teodora de Arzúa foi distinguida nesta mesma cita dentro dos Premios Picadillos que recoñeceron a outros dez restaurantes centenarios de Galicia


Laura Moure/Melide/Arzúa

Despois de tres anos de silencio, Galicia Fórum Gastronómico volveu este domingo ao calendario dos grandes eventos, reafirmándose como punto de encontro imprescindible para os profesionais do foodservice, que encheron os corredores de Expocoruña buscando as novidades e tendencias do sector, nunha xornada chea de actividades entre as que non faltaron os dous certames desta edición, Premio Cociñeiro Galego 2022, patrocinado por Gadis, e cuxo gañador foi Moncho Méndez, do restaurante Millo, e o Concurso de Pulpeiras, que premia a habilidade na elaboración e servizo do Polbo á

Feira, que gañou o melidense Gutier Taboada, da Pulpería Taboada (Melide), que recibirá de premio 1.000 euros.

Gutier Taboada.

O melidense estivo seguido por María Isaura (de José Ramón e Isaura Pulpeiros do Carballiño) e Jaime Méndez (de O Almacén do Avó, do Grove), que se impuxeron a Javier Blanco, Vanessa Ferreiro, Iria Antas, Antonio López e Manuel Augusto.


"A verdade que estou moi contento. Este concurso era un reto para min e non esperaba gañar polo nivel que había", confesa o melidense.


Ademais de catas, talleres e showcookings, a xornada inaugural incluíu varios relatorios nas que estivo moi presente a sustentabilidade, eixo desta edición, e na que participaron recoñecidos nomes do sector, como Javier Freixeiro, Moncho Bargo, Rogelio Santos, Adrián Felípez, Kike Vázquez e Ana Señarís, ou as Cociñeiras do Camiño, entre moitos outros.


Pola súa banda, a chef estrela Michelin Lucía Freitas realizou unha emotiva intervención na que falou da importancia que ten o seu mercado, a Praza de Abastos de Santiago, nos seus restaurantes e na súa traxectoria vital e profesional. A través da súa visión e filosofía de traballo, Lucía puxo en valor ese mercado como espazo económico, social e emocional que “temos a obrigación de coidar como sociedade”. Así, a modo de homenaxe convidou a varias a subir ao escenario para visibilizar “unha parte fundamental da alta gastronomía".

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

O broche de ouro da primeira xornada chegou da man do canadense FrançoisChartier, presidente Chartier World LAB Barcelona, creador da ciencia aromática de Harmonías Moleculares, e Mellor catador do mundo 1994 (GrandprixSopexa), que falou da Biodiversidade: o elo perdido do concepto global do terroir, e do televisivo Jordi Cruz, chef do restaurante ABaC, con tres @estrella Michelin, que ofreceu un relatorio sobre Modernidade, tradición e produto, presentada por Pep Palau, e que arrincou calorosos aplausos do público presente.


Outros recoñecementos

Por outra banda, no Galicia Fórum Gastronómico, que finalizará este martes, tivo lugar distintos recoñecementos, entre estes os Premios Picadillo, nas súas diferentes categorías. Estes recoñecen o traballo dos profesionais de diversas disciplinas e oficios que contribuen a poñer en valor a gastronomía galega. Así na categoría Cocina, foron distinguidos 11 restaurantes centenarios que perviven en Galicia, e entre eles figura a Casa Teodora de Arzúa.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page