O impacto da intelixencia artificial no transporte de persoas e os seus retos, a análise en ExpoBus Iberia
- Laura Moure

- hace 2 días
- 3 Min. de lectura
Celebrarase do 20 ao 22 de novembro na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda)
Laura Moure/Silleda
A cuarta Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia 2025, a cal se celebrará do 20 ao 22 de novembro na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), abordará no seu programa de conferencias temas de máxima actualidade.
Proba diso será a xornada sobre “A aplicación da intelixencia artificial no transporte
público de viaxeiros e a mobilidade. Cara a onde imos”, a cal será inaugurada polo
subdirector xeral de Ordenación do Transporte da Xunta de Galicia, Pablo Alejandro
Amenedo, quen estará acompañado do director da Feira Internacional de Galicia
ABANCA, Ricardo Durán.

Durante o seu transcurso analizaranse os retos da intelixencia artificial no transporte
público de viaxeiros. Comezará Carlos Acha, director de Innovación e Tecnoloxía da
Empresa Municipal de Transportes de Madrid. Coa experiencia que outorga o seu labor
no principal operador de autobuses urbanos de España, impartirá o relatorio
“Redefinindo a mobilidade: o impacto transformador da IA no transporte de persoas”,
na que este experto dará a súa visión sobre os cambios que a tecnoloxía, o verdadeiro
motor de cambio da nosa época, supón na xestión das empresas, xa que a evolución
tecnolóxica vén a un ritmo moito máis rápido do que poderiamos imaxinar. Así, cos
servizos dixitais as empresas enfróntanse tamén a retos e dificultades novas, como a
seguridade dos datos, a necesidade de expertos que saiban interpretalos ou as
complicacións que pode xerar esta tecnoloxía tan sensible.
Así mesmo, falarase sobre a mobilidade personalizada grazas á IA e as tecnoloxías avanzadas para lograr un transporte á medida das necesidades reais da poboación, de man de Salo Taboada, business development España de Nemi Mobility Solutions. Na súa exposición falará sobre o seu compromiso persoal de impulsar desde a tecnoloxía unha mobilidade que sexa intelixente e humana, onde a IA non sexa un luxo, senón un habilitador para que calquera persoa, desde zonas de baixa densidade ata centros
urbanos, teña acceso a un servizo de transporte público fiable, cómodo e sostible.
Publicidade
A xornada pecharase cun dos maiores expertos en tecnoloxía de pago para o transporte, José Francisco Martín, CEO de Busmatick, quen falará das claves que definen o futuro do pago no transporte público. Explicará como os tradicionais sistemas baseados en tarxetas, sistemas CBT (Card Based Ticketing), deixan paso a modelos baseados en conta, ABT (Acount Based Ticketing), onde os nosos datos están nunha nube á que ten acceso a autoridade de transporte. Unha realidade que supón un cambio radical e na que se utiliza a intelixencia artificial no desenvolvemento tanto das aplicacións como do motor tarifario. As empresas españolas máis punteiras están a traballar niso.
A inscrición para asistir a esta xornada, que será o xoves 21 de novembro ás 10.30 horas, é gratuíta, aínda que debe realizarse previamente no correo redaccion@carrilbus.com.
Publicidade
Circuíto de probas e talleres
ExpoBus Iberia 2025 contará cun interesante programa de actividades. Así, a esta xornada e outras conferencias que terán lugar o primeiro día de feira, uniranse outras
propostas con gran atractivo, como o Premio ao Mellor Condutor-Condutora de Autocares, o taller de rotulación de autobuses organizado pola feira coa colaboración de C&S Deseño e Rotulación ou o circuíto de probas.
Respecto a este último, catro empresas presentes na feira, ITT Isuzo Bus, Scania, VDL
Bus &Coach España e Mobility Bus poñerán ao dispor dos seus potenciais clientes a posibilidade de conducir un dos seus modelos durante os tres días de feira. Poderán facelo por estrada, nun trazado que irá ata o polígono industrial do veciño municipio de Lalín e volverá ata o seu punto de partida no recinto feiral.








Comentarios