O IES Marco do Camballón leva oito semanas reclamando profesorado de Latín e Grego
Anuncia novas accións para as vindeiras semanas
Laura Moure/Vila de Cruces
O alumnado do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces continúa concentrándose cada martes, mesmo cando chove, como foi o caso de onte, para reclamar que a Consellería de Educación cubra cunha persoa substituta a praza de Latín e Grego. A reivindicación chega xa ás oito semanas e as estudantes aseguran que manterán as mobilizacións mentres non se resolva a situación.

Ademais, anuncian novas accións para as próximas semanas, entre elas a coordinación con outros centros educativos que se atopan nunha situación semellante, co obxectivo de sumar apoios e dar máis forza á súa demanda.
A protesta vai máis alá da falta de profesorado para estas materias. O alumnado e as familias tamén expresan a súa preocupación polo futuro do Bacharelato nas Cruces, xa que temen que a desaparición da modalidade de Humanidades poida acabar provocando o peche do Bacharelato no instituto.
PUBLICIDADE
"Non contamos cun profesor ou profesora de Latín e Grego para poder cursar estas materias de forma presencial. A solución que se nos ofrece é realizar o curso de forma en liña e desprazarnos ata Santiago de Compostela para facer os exames. Consideramos que esta non é unha solución axeitada nin equitativa para o alumnado que escolle esta modalidade", explica Sarai Varela, unha das estudantes afectadas.
Pola súa banda, Cintia Mato recoñece que non esperaba atoparse cunha situación deste tipo. "Eu non pensei que isto estaba permitido, que podían botar fóra deste xeito o alumnado, deixarnos sen docente sen que haxa consecuencias. Sentímonos desamparadas", manifesta.
PUBLICIDADE
Dificultades para seguir o curso
As familias e as propias estudantes tamén alertan do funcionamento deficiente das aulas en liña, unha circunstancia que, segundo explican, complica aínda máis o desenvolvemento do curso, especialmente no segundo ano de Bacharelato. "Segundo de Bacharelato é moi importante e moi difícil e esta situación aínda fai o curso máis complicado. Estas aulas a distancia non resolven as nosas dúbidas, non hai explicacións…", lamentan.
O alumnado insiste así na necesidade de recuperar a docencia presencial de Latín e Grego e reclama unha solución que lle permita afrontar o curso nas condicións académicas que lle corresponden. Mentres agardan unha resposta, as concentracións dos martes continuarán e buscarán sumar novas voces á reivindicación.









Comentarios