O Grupo Jim Sports impulsa o premio ao mellor xogador da xornada en Terceira RFEF
- Laura Moure
- hace 4 días
- 2 Min. de lectura
Ademais aposta polo proxecto galego Non Vale Furar
Laura Moure/Palas de Rei
O Grupo Jim Sports, maior provedor de material deportivo en España, vén de selar un acordo de patrocinio con Non Vale Furar (NVF), proxecto dixital especializado no fútbol galego. A colaboración permitirá impulsar a creación do galardón Xogador Grupo Jim Sports da Xornada, que cada semana recoñecerá ao futbolista máis destacado da Terceira RFEF, categoría na que compiten equipos de toda Galicia e lucenses como o Racing Vilalbés, Polvorín FC ou Viveiro CF.

O obxectivo deste premio é dar visibilidade ao talento do fútbol galego máis próximo, recoñecendo o esforzo dos xogadores e reforzando o vínculo entre clubs e afeccións.
Non Vale Furar, creado en 2020 por Dani Cabo (Melide) e Bieito Baliño (A Estrada), consolidouse como un dos lugares de referencia no seguimento do fútbol galego a través de entrevistas, reportaxes e formatos audiovisuais nas redes sociais. Cun ton fresco, próximo e dinámico, NVF superou os 17.000 seguidores en redes sociais e acumula millóns de visualizacións en plataformas como Instagram, YouTube e TikTok.
Publicidade
Pola súa banda, Grupo Jim Sports, con sede no municipio lucense de Palas de Rei , conta con 27 anos de traxectoria na distribución de material deportivo e presenza en máis de 45 países. Líder en España, a súa aposta por NVF busca achegarse ao deporte galego e apoiar proxectos locais cun forte arraigo social, como é o caso deste medio.
“Este acordo é un paso adiante para NVF e para o fútbol galego. Co Grupo Jim Sports temos ao noso lado unha empresa líder que comparte valores de esforzo, proximidade e paixón polo deporte”, sinalan desde NVF.
Publicidade
O primeiro Xogador Grupo Jim Sports da Xornada fíxose público esta mesma semana nas canles de NVF e Grupo Jim Sports, acompañado dunha infografía especial.
Comentarios