O Concello leva tempo reclamándolle unha mellora do vial, cunha grande densidade de tráfico, sobre todo no tramo ata Siador, con numerosos desperfectos
Laura Moure/Silleda
O goberno municipal de Silleda lamenta "a desidia da Xunta de Galicia ante o deficiente estado da carretera autonómica PO-201, que une Silleda con Laro". Dende o Concello de Silleda solicitouse en varias ocasións, por escrito e en distintas reunións, o arranxo do vial, un dos máis transitados do municipio, que comunica ás parroquias do sur silledense coa capital municipal e con Lalín. O vial presenta numerosas deficiencias que se concentran sobre todo no primeiro tramo, entre Silleda e Siador, e que son acuciantes no tramo das Pedrosas e no lugar de O Marco, tal e como sinala o equipo de goberno.

O vial que cuestiona o equipo de goberno de Silleda.
“Vimos reclamando dende hai tempo un arranxo en condicións xa que o estado do vial neste primeiro tramo é preocupante e xa non vale con bacheos puntuais como se vén facendo”, explica o alcalde, Manuel Cuiña. Para el resulta “asombroso” que en lugar de asumir un arranxo en condicións “veñan a pintar a liña central da estrada, sen arranxar o firme como é debido”, explica.
O rexedor agarda que a Xunta de Galicia, titular desta estrada, acometa canto antes as reformas necesarias, "porque ese vial xa non aguanta máis e é un dos máis transitados con diferencia de todo o termo municipal silledense”, engade o rexedor lembrando que na delegación da Xunta son coñecedores da situación. “Vemos como se están a arranxar outras vías autonómicas na comarca que de seguro tamén o precisan, pero agardamos que se poida dar unha solución definitiva a este tramo á maior brevidade posible”, indica o
alcalde.
Comments