top of page

O goberno local de Rodeiro demanda ao Sergas a cobertura inmediata das baixas e ausencias de médicos

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Laura Moure/Rodeiro

O alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, informa que demandou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a cobertura inmediata das baixas e ausencias de médicos no centro de saúde para recuperar a atención sanitaria habitual, "de gran calidade", que se presta diariamente no municipio.


"Mantiven desde onte ata agora pola noite contactos con responsables da Consellería de Sanidade aos que lles estou expoñendo a actual situación de persoal que está a vivir o punto médico da localidade e solicitarlles unha solución áxil", anunciou o mandatario este mércores a última hora do día.

Ademais, sinala que o Concello de Rodeiro "é coñecedor de que esta semana o centro de saúde está a ter a ausencia dun dos seus dous médicos asignados sen que haxa previsto ningún reemprazo polo momento e entendemos que dita situación pode chegar a ser puntual algún día porque as baixas dos doctores, como as de calquera, moitas veces son sobrevidas e prodúcense de súpeto, polo que non hai marxe de manobra para unha substitución inmediata, pero en todo caso, cando a situación se extende durante máis tempo, cremos que debe corrixirse para que os veciños de Rodeiro teñan a cobertura médica habitual e necesaria".

Así mesmo, recalca que "desde o goberno local imos defender sempre, tal e como demostramos ata a data, os dereitos e os intereses xerais dos veciños no que se refire aos servizos públicos existentes e que outorgan un considerable estado de benestar, eficiencia e calidade de vida en Rodeiro. En calquera caso, e malia a situación anómala no centro de saúde que se está a vivir nestes días, amosamos a nosa absoluta confianza na xerencia da área sanitaria e no sistema da Sanidade Pública de Galicia, xa que sempre cumpriu ante as nosas demandas con celeridade e garante un servizo moi bo en Rodeiro, pero queremos trasladarlle a necesidade de que corrixa a actual situación canto antes para devolvernos a atención médica satisfactoria e de calidade que temos a cotío".


A postura de Unidade por Rodeiro

Pola súa banda, Unidade por Rodeiro propuxo onte, a través do seu perfil de Facebook, ao PP e PSOE un comunicado de prensa denunciando este feito sen precedentes. "Todos deberíamos defender ante a Xunta a necesidade de recuperar os servizos sanitarios de Rodeiro. Estamos na fase anterior a eliminación de parte do servizo público e non se pode permitir. UxR coa veciñanza de Rodeiro", recalca.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page