O Goberno destina case 9 millóns € para reparar infraestruturas e estradas danadas por incendios
- Laura Moure

- hace 19 horas
- 2 Min. de lectura
O Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática activa unha nova convocatoria de axudas que dará cobertura a 272 episodios rexistrados en 16 comunidades autónomas
Laura Moure/Xeral
O Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática aprobou unha nova convocatoria de subvencións por un importe máximo de 8.934.960,32 euros destinada a financiar a reparación, restitución ou reconstrución de infraestruturas municipais e da rede viaria provincial e insular danadas como consecuencia de incendios forestais e outras emerxencias de protección civil ocorridas entre o 23 de xuño e o 25 de agosto de 2025.

A convocatoria, aprobada o 29 de decembro de 2025 dá cumprimento ao previsto no apartado terceiro do acordo do Consello de Ministros do 26 de agosto de 2025, que declarou zonas gravemente afectadas por emerxencias de protección civil aos territorios damnificados por estes episodios.
En total, as axudas permitirán atender os danos derivados de 272 emerxencias de protección civil rexistradas en 16 comunidades autónomas, entre elas Andalucía, Galicia, Castela e León, Castela-A Mancha, Comunitat Valenciana, Cataluña, Estremadura, Aragón, Comunidad de Madrid, Canarias, Illes Balears, Asturias, Navarra, A Rioxa e Región de Murcia. A maior parte dos episodios estiveron vinculados a incendios forestais, aínda que tamén se inclúen fenómenos meteorolóxicos adversos e outros sinistros de distinta natureza.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

As subvencións están dirixidas a concellos, deputacións provinciais, cabidos e consellos insulares, comunidades autónomas uniprovinciales, comarcas e mancomunidades, e permitirán financiar ata o 50 % do custo dos proxectos directamente relacionados cos danos sufridos en infraestruturas, equipamentos ou servizos de titularidade municipal, así como na rede viaria provincial.
As axudas concederanse en réxime de concesión directa, conforme ao establecido na Orde HAP/196/2015, que regula este tipo de subvencións para situacións derivadas de catástrofes naturais e emerxencias de protección civil.
Publicidade
As entidades locais interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado e ata as 15:00 horas do 5 de febreiro de 2026, a través da Base de Datos Nacional de Subvencións.
Esta convocatoria despregouse nun prazo de tan só 69 días desde a ampliación da listaxe de episodios e municipios afectados acordada polo Consello de Ministros o pasado 21 de outubro, o que supón o tempo de tramitación máis reducido desde a aprobación da Lei 17/2015 do Sistema Nacional de Protección Civil, reforzando o compromiso do Goberno cunha resposta rápida, eficaz e coordinada ante as emerxencias.
Publicidade
Con esta medida, o Goberno de España volve situar ás entidades locais no centro da recuperación, garantindo recursos para que os municipios poidan reparar os danos, restablecer servizos esenciais e avanzar con rapidez cara á normalidade nos territorios afectados.








Comentarios