top of page

O goberno de Vila de Cruces alaba o traballo de Protección Civil da localidade

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Acusa ao anterior alcalde de "esquecerse deste servizo condenándoo á desaparición"


Laura Moure/Vila de Cruces

O alcalde de Vila de Cruces, Luís Taboada, e todo o seu goberno senten orgullo de conseguir revitalizar o servizo de Protección Civil na vila. "Ata o punto de conseguir que un servizo, que hai anos estaba practicamente obsoleto e sen voluntarios que o atendesen, agora sexa algo primordial e que actúa incansablemente ante todas as peticións que se lle realizan", subliña o equipo de goberno.

O goberno de Xuntos nestes anos de goberno tivo que xestionar unha pandemia na cal como di Taboada "o grupo de Protección Civil foi un referente". E á vez que alaba a xestión do grupo que forma Protección Civil de Vila de Cruces, tamén é moi crítico co anterior alcalde, Jesús Otero. " Xa que Otero esqueceuse deste servizo condenándoo á desaparición, un servizo que non se coidou desde a administración, e que agora que goberna Xuntos volvéuselle a dar o prestixio que se merecen".

Ademais, avanzan que están esperando estes días á inminente entrega do vehículo solicitado desde o Concello á Xunta de Galicia para equipar como se merece a este grupo de voluntarios. “Este é un grupo totalmente voluntario que non dispón de medios e que traballan día a día co que poden. Que menos que axudar desde o Concello en todo o que podamos", recalca Taboada. Ademais, sinala que a entrega deste novo vehículo axudará ao seu gran traballo diario.


O mandatario quere que este recoñecemento que agora fai a Xunta de Galicia aos membros de Protección Civil coa visita ás súas instalacións do delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López mañá, día 11 ás 9:30 horas, "non quede nunha simple visita para facerse unha foto". Ademais fixo extensiva a invitación recibida no día de hoxe no Consistorio a todas as demais forzas políticas, convidando o Partido Popular, ao BNG e ao PSOE a que formen parte desta visita e "así apoiar ao noso equipo de xente de Protección Civil, empezando pola súa resolutiva presidenta, Susana Cea Viéitez, que co apoio do Concello conseguiu que este servizo, tan necesario no rural galego, estea atendido con cinco persoas fixas nas que mesmo en ocasións chegáronse á case unha ducia de voluntarios. Algo imposible co anterior goberno, que quedou demostrado que para Otero este era un servizo do que se podía prescindir", recalca.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page