O goberno de Silleda presenta á veciñanza de Meixomence o proxecto de mellora deste núcleo
- Laura Moure

- hace 19 minutos
- 3 Min. de lectura
A Oficina de Vivenda deste Concello informa da apertura das axudas do programa Fogar Vivo
Laura Moure/Silleda
O goberno municipal presentou á veciñanza do lugar de Meixomence, na parroquia de Ponte, o proxecto para a mellora deste núcleo rural, incluído no plan municipal de viarios 2026-2027. A alcaldesa e responsable municipal de Obras, Paula Fernández, xunto con membros do executivo local e o enxeñeiro redactor do proxecto, mantivo un encontro cos
residentes para explicar a actuación prevista e escoitar tamén as achegas e suxestións da veciñanza.

O proxecto contempla a mellora dos accesos e viarios interiores do lugar, que se executarán con aglomerado en quente nas vías principais, mentres que os ramais de acceso ás vivendas se realizarán en formigón, unha solución que permitirá garantir unha maior durabilidade nestes tramos. Un dos aspectos máis destacados da actuación será tamén a solución a un problema histórico de escorrentías de augas que se produce neste núcleo. Para iso, o proxecto inclúe a execución de novas canalizacións e melloras na drenaxe que permitirán conducir adecuadamente as augas pluviais, evitando acumulacións e deterioros no firme.
Durante o encontro coa veciñanza explicáronse os detalles da intervención e recolléronse diferentes apreciacións sobre a realidade do lugar, co obxectivo de incorporar melloras antes da execución das obras.
A alcaldesa, Paula Fernández, destacou que esta actuación “forma parte do compromiso do goberno municipal coa mellora das infraestruturas no rural e coa atención ás necesidades que trasladan as veciñas e veciños”. Fernández sinalou que “con este proxecto non só se melloran os accesos e a mobilidade no lugar, senón que tamén se resolve un problema de escorrentías que levaba anos afectando a este núcleo”.
Publicidade
O proxecto xa está redactado e iniciarase agora a tramitación administrativa necesaria para poder proceder á contratación das obras, que se prevé executar unha vez completados os permisos sectoriais correspondentes.
Por outra banda, o Concello de Silleda, a través da súa Oficina de Vivenda, informa da apertura do prazo para solicitar as axudas do programa Fogar Vivo, impulsado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), destinado á adecuación e reparación de vivendas que se incorporen ao mercado do alugueiro a prezos accesibles. O prazo para presentar solicitudes abriu este luns, 9 de marzo, e permanecerá activo ata o 3 de xuño de 2026, ou ata o esgotamento da partida orzamentaria prevista na convocatoria.
Estas axudas están dirixidas a persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas situadas en Galicia que desexen realizar obras de mellora, reparación ou adecuación para poder destinalas ao alugueiro. Entre as actuacións subvencionables inclúense intervencións para mellorar a habitabilidade da vivenda, como renovación de baños ou cociñas, melloras nas instalacións, carpintería, eficiencia enerxética ou outras actuacións necesarias para facilitar
a súa posta no mercado.
Como condición, as vivendas deberán incorporarse ao programa e destinarse ao alugueiro a prezos accesibles durante un período mínimo de cinco anos no caso de persoas físicas, ou sete anos no caso de persoas xurídicas.
PUBLICIDADE
Desde o Concello de Silleda anímase ás persoas propietarias que teñan vivendas baleiras ou que precisen pequenas actuacións de mellora a informarse sobre esta liña de axudas, que busca facilitar o acceso á vivenda ao tempo que contribúe a mobilizar inmobles actualmente sen uso.
A Oficina de Vivenda do Concello está dispoñible para asesorar ás persoas interesadas sobre os requisitos da convocatoria e sobre o proceso de solicitude, así como para resolver dúbidas sobre a documentación necesaria. As persoas interesadas poden solicitar información directamente nas dependencias municipais ou a través dos canais habituais do Concello.








Comentarios