top of page

O goberno de Silleda lembra ao BNG que xa leva preto dun mes traballando na reforma integral do pavillón

hace 16 minutos
3 min de lectura

Dende o executivo lamentan que o Bloque "continúe ca estratexia de pedir obras que saben que están en marcha para pretender anotarse o tanto"


Ecos da Comarca/Silleda

O goberno municipal de Silleda amosou onte a súa sorpresa ante as declaracións do BNG local reclamando melloras no pavillón municipal César G. Fares, "tendo en conta que o Concello leva xa preto dun mes traballando na preparación dunha actuación para renovar a pista de parqué desta instalación deportiva".


De feito, apunta que dende o pasado 17 de setembro, data na que se publicaron as bases e a convocatoria do IV Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, o Concello está a realizar as xestións necesarias para acollerse a esta liña de financiamento e acometer a mellora do pavillón. "Nos últimos días, persoal técnico realizou medicións na propia instalación para avanzar na definición da actuación, uns traballos que puideron comprobar directamente as persoas usuarias do recinto, e casualidades da vida sale agora o Bloque solicitando a actuación”.

"É unha mágoa que o BNG non se interese un pouco máis polo que acontece nas instalacións municipais antes de saír na prensa a reclamar actuacións nas que o Concello xa está traballando. Bastaría con preguntar ao persoal do pavillón ou ás entidades deportivas que o utilizan para saber que estamos preparando esta intervención", sinalan dende o goberno municipal.


O executivo local lembra, ademais, que a pista xa foi obxecto dunha actuación a finais do pasado ano, cando se repararon os tramos de parqué que presentaban danos, co obxectivo de manter as instalacións nas mellores condicións posibles mentres se abordaba unha intervención de maior alcance.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Un pavillón con numerosos usos deportivos

O Concello tamén quere lembrar que coñece perfectamente a intensa actividade que rexistra o pavillón César G. Fares e as necesidades derivadas do seu uso continuado. O pavillón ten actividade durante a semana dende as 9:00 ás 22:00 horas, tendo en conta que ademais as escolas deportivas. "Neste sentido, chama a atención que o BNG limite as súas referencias ao baloncesto e á patinaxe, cando nesta instalación tamén se practican outras disciplinas como kung fu ou fútbol, ademais de acoller actividades deportivas e recreativas, as clases de educación física do CEIP de Silleda, sesión de deporte avanzado de Cogami, e de estar dispoñible para o seu alugueiro por parte de particulares".


"Non fai falla que o BNG nos descubra agora que o pavillón ten moito uso. E precisamente por iso estamos traballando para melloralas", engaden dende o executivo.


Dende o goberno municipal lamentan que, unha vez máis, se opte por presentar como unha reivindicación propia unha actuación na que o Concello xa está a traballar. "Semella que o BNG ten unha especial habilidade para reclamar publicamente actuacións que xa están en marcha", sinalan.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

O goberno local insiste en que continuará avanzando na preparación da intervención para mellorar o pavillón César G. Fares e garantir que este equipamento siga prestando servizo nas mellores condicións posibles ao conxunto da veciñanza. "Agradecemos o interese repentino do BNG polo pavillón, pero non necesitamos que ninguén nos diga cómo e qué temos que facer”, indican.


E avanzan, “por se tamén ao BNG no tour que fixeron polas instalacións deportivas en plena sesións das escolas se lles ocurre reclamar máis inversións, que ademais da mellora do pavillón municipal de Silleda nas vindeiras semanas tamén se renovará o piso dos vestiarios do campo de fútbol de Outeiriño, outra das melloras necesarias no complexo deportivo municipal que conforman o estadio de fútbol, pavillón e piscinas municipais".




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page