Forno reivindica o éxito do Bono Comercio en Lalín e comprométese a incrementar o investimento
A candidata socialista subliña que a resposta de comercio e veciñanza demostra que "o problema nunca foi a súa falta de interese, senón a falta de vontade do goberno local para poñelo en marcha”
Ecos da Comarca/Lalín
A candidata á Alcaldía de Lalín, Alba Forno, celebra a extraordinaria acollida do Bono Comercio, destacando que a iniciativa impulsada no pleno e defendida durante anos polos socialistas “é todo un éxito” e que “os 20.000 euros destinados son insuficientes, polo que nos comprometemos a incrementar esta cantidade”, afirma.

Forno lembra que fronte as reticencias iniciais do PP para poñelo en marcha “en cuestión de horas quedou demostrado que era unha boa iniciativa”. A candidata destaca que a xente e os comerciantes responderon desde o primeiro momento, “ o que demostra que o problema nunca foi a falta de interese dos veciños nin dos comercios, senón que faltaba vontade para poñelo en marcha por parte do goberno local”, afirmou.
PUBLICIDADE
Así, Alba Forno considera que a resposta á campaña demostra que o Concello debe apostar con moita máis forza por este tipo de medidas, ampliando os recursos e garantindo a súa continuidade. “Non queremos un Bono Comercio que dure unhas horas, queremos unha iniciativa que chegue a máis familias, que encha de vida os nosos negocios e que axude a manter aberto o comercio de proximidade”, sinala.
PUBLICIDADE
A candidata destacou tamén que “unha das vantaxes deste programa é que podemos avalialo con datos reais, pois sabemos canto se inviste, canto se compra e que impacto ten no comercio local. Permite coñecer exactamente canto consumo xera e canto diñeiro se inxecta nos establecementos de Lalín.









Comentarios