O goberno de Silleda espera que a Xunta acometa canto antes a mellora do vial de Silleda a Laro
- Laura Moure
- 1 mar 2022
- 1 Min. de lectura
Dende o Concello volveuse a lembrar nos últimos días a premura destas obras dado o mal estado do firme no primeiro tramo
Laura Moure/Silleda
O goberno municipal de Silleda agarda que a Xunta de Galicia, como titular da vía, acometa no menor prazo de tempo posible a mellora do vial PO-201, que une Silleda con Laro. Dende o Concello, que leva tempo reclamando esta actuación nun vial cunha alta densidade de tráfico, volveuse a remitir un escrito á Consellería advertindo da premura dos traballos, sobre todo á vista do estado do vial no primeiro tramo, xunto ás Pedrosas e no lugar do Marco, cun notable deterioro.

A pasada semana realizáronse traballos de bacheo puntual, se ben dende o Concello lémbrase que o mal estado do firme xa non admite máis solucións deste tipo, facéndose imprescindible dotar ao vial dunha nova capa de rodadura. Dende o Concello de Silleda solicitouse en varias ocasións, por escrito e en distintas reunións, o arranxo do vial, un dos máis transitados do municipio, que comunica ás parroquias do sur silledense coa capital
municipal e con Lalín.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, agarda que a Xunta de Galicia, titular desta estrada, acometa "canto antes as reformas necesarias, porque ese vial xa non aguanta máis e é un dos máis transitados con diferencia de todo o termo municipal silledense” e o rexedor lembra que o pasado mes de outubro a Consellería de Infraestruturas se comprometeu a licitar os traballos nesta anualidade.
“Agardamos que as obras se acometan canto antes porque o estado do vial neste primeiro tramo é xa preocupante”, subliña Cuiña.
Comentarios