O goberno de Rodeiro adopta diversos acordos centrados na mellora das infraestruturas municipais
- Laura Moure

- 27 may
- 2 min de lectura
Laura Moure/Rodeiro
No día de onte reuniuse a Xunta de Goberno Local do Concello de Rodeiro e, a continuación, o equipo de goberno baixo a coordinación de Alberte Lamazares, alcalde en funcións. Na XGL adoptaron diversos acordos centrados na mellora das infraestruturas municipais e na colaboración con outras administracións públicas.

Entre os asuntos máis destacados, aprobouse a solicitude ao abeiro do plan Vía DEPO da Deputación de Pontevedra, mediante o cal o Concello contará cunha achega de 189.634,85 euros para executar actuacións de mellora do firme en diferentes vías municipais. O investimento total da actuación, incluídos os honorarios técnicos, ascende a 203.976,98 euros.
As obras previstas inclúen a mellora dos accesos aos lugares de Barrio, Lamazares, dirección Coreixas e acceso ao lugar de Melide. Trátase de actuacións moi necesarias debido ao avanzado deterioro destas pistas, nas que non se realizaban intervencións de importancia desde hai décadas.
PUBLICIDADE
Dende o Goberno municipal destacouse o compromiso continuo coa mellora da rede viaria do municipio, aproveitando todos os fondos dispoñibles procedentes das diferentes administracións públicas. Neste sentido, tamén se puxo en valor a boa situación económica do Concello, que permite asumir a achega municipal correspondente sen perder ningunha liña de axuda ou subvención.
Ademais, na sesión tamén se aprobou a sinatura do convenio coa Xunta de Galicia para participar no programa de control da avespa asiática (Vespa velutina), reforzando así as medidas de prevención e protección no municipio.
PUBLICIDADE
Por último, certificouse a actuación na estrada dirección Ourín, onde o Goberno municipal decidiu investir 116.879,12 euros nunha obra considerada de máxima necesidade para os veciños e veciñas desa zona.
O Concello de Rodeiro continúa así traballando na mellora dos servizos e infraestruturas municipais, co obxectivo de ofrecer maiores condicións de seguridade e calidade de vida á veciñanza.








Comentarios